Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche ofrécelles ata 1.000 euros de axuda ás persoas autónomas e pemes que deberon pechar durante o Estado de Alarma


O Goberno local aprobou este mediodía as bases da convocatoria, que saírán publicadas nuns días no Boletín Oficial da Provincia

Todas aquelas pequenas empresas e persoas autónomas radicadas en Moeche que se visen obrigadas a suspender a súa actividade por mor do Estado de Alarma poderán beneficiarse dunha axuda municipal de entre 450 e 1.000 euros. Así se recolle nas bases dunha convocatoria extraordinaria aprobada este mediodía pola Xunta de Goberno Local coa que se pretende contribuír á recuperación económica do tecido produtivo local. O articulado e o procedemento de solicitude -que deberon agardar á entrada en vigor do orzamento municipal- publicaranse nos próximos días no BOP, de maneira que as pemes e persoas autónomas disporán de 20 días naturais para presentaren as solicitudes e outra documentación. O texto completo está tamén dispoñible na web municipal, aínda que as peticións deberán agardar á apertura oficial do prazo para poder tramitarse, ben a través da Sede Electrónica ou ben presencialmente con cita previa.

As bases das subvencións do Concello de Moeche dispoñen de dúas liñas independentes pero complementarias entre si. É dicir, poderase solicitar unha delas ou as dúas, de maneira que, dependendo do tipo de negocio do que se trate a axuda global poderá alcanzar os 1.000 euros.

Así,a liña 1 vai dirixida a compensar o peche total da actividade principal daqueles negocios obrigados a parar polo Estado de Alarma. Nese caso haberá unha contía fixa de 300 euros para todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos nas bases.

A liña 2 ten a finalidade de colaborar cos gastos de adaptación á nova normalidade, como poden ser a adquisición de EPIs e materiais necesarios -máscaras, luvas, xel hidroalcólico, etc.-, a instalación de equipamento de protección -mamparas, por exemplo- ou a merca de calquera outro material que axude a ofrecer o servizo coas medidas de seguridade obrigatorias. Tamén se inclúen neste apartado gastos fixos que houbese malia ter pechado o negocio, como é o caso do consumo enerxético, a auga, os recibos do lixo ou os custes de alugueiro.

Nesta segunda liña marcáronse distintos niveis dependendo da actividade. En cada un dos tramos outorgaranse cantidades adaptadas ao esforzo económico que se tivese que asumir:

Nivel 1: Establecementos comerciais e de servizos onde é posible desenvolver a actividade respectando o uso de máscaras e o distanciamento social, que poden beneficiarse dunha axuda de 150 €.

Nivel 2: Locais que prestan servizos persoais -clínicas e perruquerías, por exemplo- e que para manter a actividade deben limitar a afluencia de clientela ou pacientes escalonando a súa entrada e saída e dedicando tempo entre unha persoa e outra para desinfectar materiais e mobiliario. O importe da axuda será de 250 €.

Nivel 3: O terceiro chanzo da convocatoria está pensado para os locais hostaleiros -bares e cafetarías- que non teñan servizo de comedor. A achega será de 450€.

Nivel 4: Dentro dos locais hostaleiros, o Concello entende que asumen máis gasto aqueles que, ademais de atender terrazas e barra, tamén serven comidas, de aí que a axuda para gastos fixos ou de adaptación será de ata 700€.

Ademais de que a actividade se vise abocada ao peche obrigatorio por mor da crise sanitaria -segundo os códigos e listados publicados no BOE e máis no DOG a raíz do Estado de Alarma-, tamén será necesario cumprir outros requisitos: que o negocio figure no padrón municipal do IAE, non ter débedas nin co Concello nin con outras administracións (AEAT, Seguridade Social, etc.) e comprometerse a manter a actividade polo menos 3 meses despois da obtención da axuda.

Compatibles coas doutras administracións
As axudas municipais serán compatibles coas que concedan outras administracións, como a Xunta, a Deputación ou o Goberno do Estado. Porén, desde o Concello recoméndase mirar as bases desoutras convocatorias -xa que igual nelas figura algunha incompatibilidade- e ter en conta que se se solicita máis dunha subvención para a mesma finalidade, a contía total non poderá exceder o importe total do investimento.

Toda a información sobre esta convocatoria de subvencións atópase xa na web municipal, onde tamén se pode descargar o modelo de solicitude e a relación de documentos que haberá que presentar. Porén, de momento non se pode facer o trámite, xa que o prazo de 20 días naturais empezará a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP, algo que seguramente se produza ao longo da semana que vén. Para aclarar calquera dúbida pódese contactar coa axente de Desenvolvemento local no 981 404 006 ou presencialmente no Concello, sempre con cita previa.

Axudas consensuadas co tecido produtivo local
A convocatoria que se publicará nuns días é resultado dun proceso de diálogo con pemes e autónomos promovido polo Goberno local a mediados de maio. En días sucesivos mantivéronse encontros cos distintos sectores -hostalaría, pequenos negocios, empresas e persoas autónomas que ofrecen servizos, etc.- para escoitar as súas necesidades máis urxentes e tomar nota das propostas que formulasen como mellores para axudarlles “sempre dentro das limitacións económicas que ten un Concello pequeno coma o noso”, apunta Beatriz Bascoy.

A alcaldesa destaca que as liñas de axuda teñen como finalidade “colaborar na recuperación dos nosos negocios cunha achega que, por humilde que sexa, supón un importante esforzo económico para o Concello e un apoio moi necesario nestes momentos para as pequenas empresas e persoas autónomas que máis notaron e están notando as repercusións da crise sanitaria”. Bascoy apelou, ademais, a que toda a veciñanza se conciencie co sostemento da actividade local: “fai falla que todas e todos apostemos polos pequenos negocios que temos cerca de nós. Agora máis que nunca debemos apoialos mercando en Moeche, consumindo en Moeche e contratando moitos servizos que tamén temos aquí en Moeche”.