Monday 25 de November de 2024

O pleno de Frades aproba por unanimidade destinar os 183.000 euros do Plan de Aforro e Investimentos a reducir o endebedamento


O alcalde, Roberto Rey, destaca que con esta iniciativa e coa previsión dos Orzamentos de 2015 “a débeda bancaria do Concello de Frades quedará reducida a cero nesta lexislatura”

O pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade adherirse ao Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación Provincial da Coruña e destinar os 183.764,73 euros que lle corresponderían á amortización de débeda financeira. Con esta operación e coas previsións de amortización de débeda previstas no Orzamento de 2015 (xa aprobado), “a débeda bancaria do Concello de Frades queda reducida a cero nesta lexislatura”, explicou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

Deste xeito, o Concello de Frades aforrará algo máis de 15.000 euros en xuros bancarios, xa que o préstamo que asinará coa Deputación Provincial da Coruña non contempla xuros, inclúe dous anos de cadencia e outros 10 anos para a súa devolución (entre 2017 e 2026). Roberto Rey explicou que o PAI da Deputación servirá para amortizar na súa totalidade os 60.161,04 euros do Plan de Pago a Provedores asinado con Bankia, que é o que tiña o xuro máis elevado.

Así mesmo, permitirá amortizar gran parte dos 136.960,64 euros dun préstamo asinado co BBVA, do que tan só restarán 13.357,31 euros que serán amortizados con cargo ao Orzamento de 2015. Ademais, Roberto Rey indicou que “Frades é un dos primeiros municipios que se adhire ao PAI pero, a maiores, sei que hai municipios que non se van adherir, polo que mesmo é probable que poidamos amortizar tamén eses 13.000 euros pendentes a través da Deputación”.

Sé electrónica

Por outra banda, o pleno municipal aprobou unha ordenanza municipal tipo, achegada pola Deputación Provincial da Coruña, para poñer en marcha a sede electrónica do Concello de Lousame. A sede electrónica do Concello de Frades estará xestionada pola Deputación e será accesible dende a web municipal, sendo unha prolongación da oficina administrativa tradicional, coa importante vantaxe de que estará dispoñible para que os veciños e veciñas de Frades podan realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano dun xeito totalmente gratuíto.

A concelleiro de Economía, Manuel Marzoa, explicou que “a sede electrónica facilitará o acceso dos cidadáns á Concello, aforrándolles tempo e desprazamentos”. Unha vez aprobado hoxe a ordenanza municipal, cos 7 votos a favor de PP e PSOE e coas 3 abstencións do BNG, agora o Concello de Frades e os técnicos da Deputación estudarán que servizos e trámites se inclúen na Sede Electrónica.

Gasolineira

Nunha sesión na que non se presentaron mocións nin preguntas/rogos por parte da oposición, o alcalde de Frades aproveitou para informar aos grupos municipais sobre a situación da gasolineira de Ponte Carreira. Roberto Rey explicou que Repsol non respondeu a ningún dos requirimentos realizados dende o Concello de Frades pero que o propietario da concesión da estación informou que esta semana terá un encontro con responsables de Repsol para solucionar a situación desta estación de servizo.

“Segundo nos informaron, a concesionaria ten un acordo con outra empresa que se faría cargo da estación e dos traballadores”, explicou Roberto Rey, “un acordo que agora lle vai presentar a Repsol. Se hai acordo, calculan que a finais de xaneiro ou principios de febreiro a gasolineira volvería abrir”. Así mesmo, o alcalde de Frades emprazou aos grupos municipais a unha reunión conxunta a próxima semana cos responsables da empresa concesionaria para coñecer o resultado das negociacións con Repsol. “Esperemos que se cumpran as previsións e que a finais de xaneiro ou principios de febreiro a gasolineira volva abrir”, desexou o alcalde fradense.