Monday 25 de November de 2024

Vimianzo celebra a feira con total normalidade na súa nova ubicación provisional


Instaláronse máis dun centenar de postos de produtos de téxtil, alimentario, enxoval e floristería.
Vimianzo celebrou hoxe, xoves 9 de xullo, a súa feira con total normalidade na nova ubicación provisional, na contorna da Casa da Cultura. Instaláronse máis dun centenar de postos de produtos de téxtil, alimentario, enxoval e floristaría.
Durante a mañá rexistrouse unha boa afluencia de público, boa parte destes veciñas e veciños de Vimianzo, que se amosaron satisfeitos pola nova ubicación.
Desde o Concello insístese na temporalidade desta nova ubicación, e que está condicionada ‘única a exclusivamente por motivos de seguridade debido ao contexto socio sanitario actual’, comenta a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
Desde o Concello quixéronse estender os agradecementos ‘ás persoas que integran os postos desta feira, por comprender e entender a decisión do goberno local, e pola súa disposición; así como á Policía Local e ao persoal técnico do noso Concello, que desempeñou unha labor fundamental para que esta nova ubicación provisional fose posible’, argumentan.
Por outra banda, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo agradecer ‘toda oposición construtiva, que nos achegou a súa axuda, e que lamentablemente non é extensible a toda a corporación de Vimianzo. Por parte dalgún grupo da oposición vertéronse informacións falsas e con motivo de provocar a confrontación con este tema, pero hoxe demóstrase que tamén é posible que se celebre nesta ubicación, na que insistimos, gana a seguridade’, finalizou a alcaldesa.