Friday 22 de November de 2024

Fene prepara a súa Oficina de Turismo para reabrila ao público a partir do mércores que vén


 

O Concello de Fene traballa arreo estes días para poñer a punto o espazo da Oficina de Turismo. Unha limpeza e unha desinfección xeral en profundidade; a revisión do mobiliario, da instalación eléctrica e do equipamento informático… pero tamén o vernizado, a reparación da beirarrúa e o adecentamento do seu entorno, son algúns dos preparativos que se están levando a cabo na caseta situada en Naturais de Fene, co obxectivo de que todo estea listo para a súa apertura a partir do mércores 15.

Será ese día cando arranque oficialmente a temporada 2020, que virá marcada case con total seguridade por unha baixa do turismo estranxeiro e un incremento proporcional de visitantes doutras zonas de Galicia e comunidades limítrofes, tal e como apuntan as previsións do sector. Unha tendencia que, segundo parece, tamén se reflectirá no tránsito polas distintas rutas xacobeas, entre elas o Camiño Inglés que pasa por Fene e que supón a maior parte do labor informativo e de orientación da Oficina Municipal de Turismo.

O servizo empezará a funcionar o mércores 15 de xullo no seu horario habitual: de 8.30 a 14.00h. polas mañás e de 15.30 a 17.30h. polas tardes, de luns a venres. A técnica especializada que atenderá as consultas -ademais de desenvolver outros proxectos municipais relacionados con este ámbito- traballará durante catro meses a través da bolsa de contratación creada polo Concello para cubrir este posto temporal. Non serán todos seguidos, senón que a Concellaría de Turismo estableceu un período inicial de xullo a outubro e outro durante o mes de decembro, de cara a axeitar o funcionamento da oficina aos momentos de maior demanda.

O contrato da técnica conta cunha axuda da Deputación da Coruña que ascende a 9.044,32€. Porén, o Concello asumirá outros custes, como por exemplo o repaso xeral ás instalacións de traballo e atención ao público. Durante estes días previos á apertura investiranse arredor de 4.000 euros en preparativos que melloren a habitabilidade e tamén o aspecto xeral da caseta situada preto da curva da Avenida Naturais de Fene.

Hoxe fíxose unha limpeza xeral e unha comprobación a fondo de todo o equipamento -o propio e habitual xusto antes de abrir- pero, ademais, tamén se instalará cartelaría informativa sobre as medidas preventivas da COVID-19 e, o de maior custe, prepararanse os accesos, acondicionarase a zona axardinada traseira e amañarase e vernizarase todo o exterior.