Monday 25 de November de 2024

Adxudicadas as obras de reordenación e acondicionamento da Praza de San Xurxo


A actuación conta cun orzamento de 214.490,17 euros e permitirá gañar espazo para os peóns e mellorar a accesibilidade.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Camariñas ven de adxudicar o proxecto para a reordenación e acondicionamento da Praza de San Xurxo. A actuación conta cun orzamento de 214.490,17 euros e permitirá gañar espazo para os peóns á vez que se mellora a accesibilidade e os servizos.
Os traballos, que comezarán proximamente, consistirán na creación de zonas peonís que contarán cun pavimento enlousado de pedra granítica e estarán separadas da calzada por un bordo. Tamén se humanizará o espazo coa instalación de luminarias, mobiliario urbano e árbores. Todas estas
obras garantirán a accesibilidade, eliminando as barreiras arquitectónicas que agora si existen.
Por outra banda, o proxecto inclúe a creación dun parque infantil e a renovación da rede de augas fecais existente, instalando unha canalización para a recollida e evacuación de pluviais.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “esta obra pretende humanizar totalmente a praza de San Xurxo, creando un espazo accesible para todos os veciños e veciñas do municipio e onde o peón é o protagonista e os vehículos quedan nun segundo plano”.