Friday 22 de November de 2024

O Concello de Brión mellora o equipamento do GES coa adquisición dun novo explosímetro


Será empregado polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal e facilitará o seu labor na detección e prevención de incendios
O Concello de Brión continúa a mellorar o equipamento do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) coa adquisición dun novo explosímetro. Este equipamento facilitará o labor das persoas que integran esta agrupación na detección e prevención de incendios.
O explosímetro é un monitor de gases térmico portátil que mide a cantidade de gases combustibles no ar. Deste xeito, permite detectar dun xeito máis rápido e eficaz diferentes tipos de gases (metano, sulfuro de hidróxeno, monóxido de carbono…) que poderían supoñer un perigo.
Este equipamento súmase ao canón de ozono entregado o pasado mes de abril para a realización de traballos de limpeza e desinfección de interiores, vehículos e superficies, así como aos máis de 21.000 euros investidos en equipamentos de protección para intervencións de rescate, incendios urbanos e lumes forestais.