Friday 22 de November de 2024

Comeza a instalación das seis pantallas de gran formato integrantes do novo sistema de cartelería dixital informativa de Ribeira


É unha actuación financiada con fondos europeos FEDER
O Concello informa de que veñen de comezar os labores de instalación das seis pantallas integrantes do novo Sistema de Cartelería Dixital de Ribeira: unha iniciativa que persegue ofrecer á cidadanía información relevante sobre diferentes asuntos municipais, .
Esta iniciativa, cuxo prezo de adxudicación ascende a 102.668,50 euros (IVE incluído), enmárcase dentro da ‘EDUSI Máis Riveira Atlántica 2020’, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese á liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Riveira.

A empresa adxudicataria que se está a encargar da realización dos traballos é Sistemas Audiovisuales Itelsis, S.L.. Dos seis paneis informativos que se van instalar, tres van en interior (na Casa Consistorial, no Mercado Municipal e no Polideportivo da Fieiteira) e tres en exterior (do Concello, da Sala Museo Municipal e da Oficinal Municipal de Turismo).
Trátase de paneis de información de alta resolución e gran formato, intelixentes e conectados “on line” mediante un reprodutor multimedia de contidos, capaz de transmitir fotos, vídeos, pdf, audio, redes sociais, páxinas html, etc…
Con este sistema preténdese: dispoñer dunha canle de comunicación para transmitir todo tipo de información sobre actividades culturais, campañas, eventos, feiras, lugares de interese para visitar… Do mesmo xeito, quere servir como un soporte para emitir información emanada dos propios cidadáns, como por exemplo eventos de asociacións, etc.
A posta en funcionamento comezará en breve, unha vez técnicos do municipio reciban formación para a xestión deste novo servizo de información cidadá.