O prazo permanecerá aberto ata o 29 deste mes. As clases desenvolveranse nos locais sociais e puntos de encontro veciñais da área rural do municipio
O Concello de Ordes pon en marcha unha nova actividade culinaria orientada especialmente aos residentes nas parroquias do municipio. ‘Unha semana de cociña nas parroquias’ consiste nun curso que terá lugar durante dous días da semana, martes e sábado, de 20 a 22 horas e de 11 a 13 horas respectivamente. Os lugares escollidos para o seu desenvolvemento son os locais sociais e puntos de encontro veciñal das parroquias de Ardemil (A Baixa), O Mesón do Vento, Leira, Vilasenín, Buscás, Pereira, Guindibó, Montaos, Fosado, Poulo, Vilamaior, Beán, Barbeiros, Mercurín, Lesta e Parada.
As clases serán impartidas polo cociñeiro Manuel Iglesias Vieites. Aqueles e aquelas que estean interesados deberán apuntarse ata o 29 deste mes no departamento de cultura, no primeiro andar do Concello, ou ben a través do teléfono 981 680 002. Como mínimo serán necesarias 10 persoas inscritas por cada grupo. O custo da actividade ascende a tan só 9 euros, 6 euros para os maiores de 65 anos ou se se ten recoñecida unha discapacidade maior do 33% e de 4,50 euros no caso de pertencer a familia numerosa.