Friday 22 de November de 2024

Moeche abre do 8 ao 22 de xullo o prazo de preinscrición no campamento “Sementeira”


O Concello de Moeche reedita este ano o campamento socioeducativo e de conciliación “Sementeira”, dirixido a familias con rapazada de entre 3 e 12 anos. Porén, debido ás actuais circunstancias, a iniciativa muda en varios aspectos, como por exemplo a súa duración -só se desenvolverá en agosto- ou o xeito en que se organizarán as actividades, con grupos separados por idades e extremando as medidas preventivas. Ofrécense 20 prazas, 10 para nenas e nenos de 3 a 7 anos e outras 10 para cativería entre os 8 e os 12. As solicitudes de praza no campamento poden presentarse desde este mércores 8 de xullo e ata o día 22. A documentación pode achegarse a través da Sede Electrónica municipal ou ben entregándoa presencialmente no Concello en horario de mañá de 9 a 14.00h., para o que será necesario pedir cita a través do 981 404 006.

Á hora de asignar as prazas, o Concello terá en conta o momento en que se rexistre a solicitude e, ademais, a seguinte orde de prioridade: rapazada matriculada no CEIP San Ramón, familias con algún membro empadroado no municipio e, en terceiro lugar, familias en que algunha das persoas integrantes teña vinculación laboral con Moeche. En cada un deses casos terán preferencia as solicitudes que demanden servizo madrugador, con entrada ás 8.30h.

“Sementeira” desenvolverase entre o 3 e o 31 de agosto tomando como base operativa o Pavillón Municipal, aínda que haberá actividades noutros puntos do territorio: na feira, na aula de informática, na área recreativa de Souto Grande, no castelo… etc. As familias poderán solicitar dúas quendas: unha de 8.30 a 14.00h. e outra de 10.00 a 14.00h. En ambos casos darase unha marxe de media hora á entrada e á saída.

A rapazada que entre máis cedo farán actividades relacionadas coa lectura e pequenos xogos até as dez da mañá, momento en que comezarán as propostas lúdicas e educativas programadas. Os nenos e nenas estará separadas en dous grupos de idade, de 3 a 7 anos e de 8 a 12, co obxectivo de axeitar as propostas ao seu nivel psicomotriz e tamén para incrementar as medidas de prevención de contaxios. No desenvolvemento dos obradoiros incidirase especialmente na hixiene de mans e outras recomendacións sanitarias, ademais de coidar a desinfección de obxectos e equipamento co que estean en contacto os e as menores.

O prazo de solicitude do campamento estará aberto entre o 8 e o 22 de xullo. Inicialmente só poderán facer o pagamento da matrícula as familias de nenas e nenos con matrícula no CEIP San Ramón ou empadroadas en Moeche. Unha vez finalice este período, e de haber vacantes, poderán efectuar o pagamento o resto de familias a quen se lles confirme a obtención de praza. Os prezos son os seguintes:

Horario de 8.30 a 14.00h

Horario de 10.00 a 14.00h.

1º Membro

60€

50€

2º Irmán/irmá

50€

40€

3º Irmán/irmá

30€

20€

Cómpre presentar debidamente cuberta a ficha de solicitude -xunto coa fotocopia do DNI do solicitante e das persoas autorizadas á recollida dos menores-, a autorización/rexeitamento de captación de imaxes do neno ou nena, e tamén a folla na que se deben indicar aspectos como alerxias, enfermidades que precisen algún coidado especial, limitacións funcionais ou medicamentos que o menor tome periodicamente, acompañada dunha fotocopia da tarxeta sanitaria. No caso de familias con rapazada matriculada no CEIP ou empadroadas no concello, tamén deberán achegar o resgardo do ingreso ou da transferencia bancaria da cota.

A documentación haberá que achegala a través da Sede Electrónica -cubrir os impresos e subilos canda unha solicitude xenérica- ou ben en persoa no rexistro municipal de luns a venres entre as 9 e as 14.00h., para o que será imprescindible solicitar cita previa no 981 404 006.