Friday 22 de November de 2024

Autónomos e pemes poderán solicitar desde mañá as axudas do Plan de reactivación económica e social (PRESCO)


O concello abriu unha oficina no viveiro de empresas do Papagaio e habilitou o teléfono 981 184 399 para atender as persoas demandantes

Persoas autónomas e pemes xa poden solicitar desde mañá e até o 15 de setembro as axudas para o impulso e mantemento da actividade económica dentro do Plan de reactivación económica e social da Coruña ( PRESCO). O concello acaba de habilitar unha oficina no viveiro municipal de empresas do Papagaio co fin de atender as persoas demandantes.
O plan municipal achega 6.235.000 euros en axudas para o mantemento da actividade, fomento do emprego e transformación dixital. As persoas autónomas e pequenas empresas poderán pedir até un máximo de 6.200 euros. Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención que poñan en marcha outras administracións ou entidades públicas ou privadas.
O concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, indicou que o PRESCO, froito do consenso entre todas as forzas políticas, é unha ferramenta pensada co fin de que ninguén quede atrás. Servirá para apoiar as persoas que máis sofren pola a crise da pandemia e para impulsar a dixitalización das pequenas empresas e facelas máis competitivas. “O Goberno local traballa para pór en marcha políticas de creación de emprego e garantir as necesidades sociais da cidadanía”, dixo.
Poden solicitar as subvencións:
a) As persoas físicas traballadoras autónomas que estean dadas de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

b) As sociedades de calquera clase que teñan a condición de pequenas empresas incluíndo as sociedades civís, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separados sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.
O importe global das subvencións é de 6.235.000 euros que se dividen en dúas liñas:
Liña 1- Apoio e mantemento da actividade económica, dotada cunha partida de 4.935.000 euros.
O máximo que pode subvencionarse acada os 3.700 euros por persoa beneficiaria. Poden solicitar estas axudas empresas e autónomas/os radicadas/os na Coruña e que estivesen dados de alta con anterioridade ao 14 de marzo de 2020. Subvencionarase o pago de cotas de autónomos e de Seguridade Social até un máximo de 6 mensualidades (de xullo a decembro de 2020).
Ademais, dentro da liña 1 pódense solicitar até 1.500 euros para axudas ao pago do alugueiro de locais e haberá axudas de até 600 euros destinadas a aboar os xuros dos créditos ICO avalados polo Estado durante a pandemia.
Por último, tamén hai para incentivar a contratación, con até 1.500 euros por persoa contratada, xa sexa de carácter indefinido ou temporal, sempre que o contrato supere o ano. A cantidade subirá até os 2.000 euros se a persoa contratada é muller, ten máis de 45 anos ou son persoas con diversidade funcional ou intelectual do 33% ou superior.
Liña 2. Subvencións para investimentos, cun orzamento de 1.280.000 euros.
As persoas beneficiarias poden recibir até un máximo de 2.500 euros. As axudas están encamiñadas á mellora, adaptación e transformación dixital das empresas.
Ademais, daranse subvencións de até 600 euros para adaptar fisicamente os locais ás novas normas de seguridade e hixiene derivadas do coronavirus.
As axudas á transformación dixital están pensadas para crear ou mellorar páxinas web (até 800 euros), pór en marcha sistemas de comercio electrónico (até 2.000 euros), para novas formas de márketing 4.0 (até 2.000 euros), para implantar novas ferramentas de xestión (até 2.000 euros) e para adquirir dispositivos de pago seguros como os TPV, con axudas de até 500 euros.
Canto ás solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica do Concello da Coruña https://sede.coruna.gob.es ao que se unirá o Anexo S1 xunto co resto de documentación establecida na presente convocatoria.
Cada persoa solicitante só poderá solicitar as axudas desta convocatoria unha única vez, pero poderá corrixir erros sobre as liñas de axuda solicitadas. A data de presentación determinará a orde que se establecerá para a proposta de concesión da subvención ata o esgotamento do importe da convocatoria.
O prazo de execución máximo para a totalidade das axudas incluídas nesta convocatoria será o 31 de decembro de 2020. Non obstante, algunhas das axudas das liñas 1 e 2 poderán establecer un prazo de execución inferior ao prazo de execución xeral.
Pódese consultar toda a información e as bases no Boletín Oficial da Provincia publicado hoxe e na páxina web municipal https://www.coruna.gal/