Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón aproba os orzamentos máis sociais da súa historia


As partidas para esta área medran nun 50% respecto ao último exercicio // “A demanda destes servizos incrementouse pola crise da Covid-19, e dende o executivo mantemos o compromiso de mellorar a vida de toda a veciñanza da nosa vila”

O Concello de Padrón aprobou esta mañá en sesión plenaria o orzamento do 2020 con importantes partidas para os Servizos Sociais, o que o converten no presuposto máis social da historia da vila. O orzamento de 8.054.888,35 euros saíu adiante cos votos a favor do Grupo Popular, ca abstención do PSOE e de Compromiso por Padrón, e co voto en contra da edila do BNG. Os fondos destinados á asistencia de persoas dependentes incrementouse en máis dun 50% respecto ao último exercicio, no que tamén se tiña aumentado. Este ano destinaranse 22.000 euros máis que en 2019, polo que en total inverteranse 340.000 para este servizo.
Ademais, dada a incertidume na evolución da pandemia da Covid-19, o presuposto recolle un apartado de gastos para cubrilas necesidades sociais derivadas desta crise.
En total, resérvanse 55.000 euros, que implican unha subida de 28.000 euros para os servizos sociais, estudos e traballos técnicos deste campo. O Alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, sinalou que nos últimos meses “a demanda dos servizos sociais incrementouse considerablemente pola crise da Covid-19, polo que dende o executivo temos que dar resposta en base ao compromiso que mantemos de mellorar a vida da veciñanza de Padrón”.
Nestes orzamentos procedeuse á revisión da partida de recollida de residuos, que agora reciben 600.000 euros fronte aos 550.000 euros do último presuposto. Esta decisión responde á suba dos prezos realizada por Sogama, e tamén á previsible licitación do servizo de recollida do lixo municipal. Así mesmo, o documento prevé contías para licitar a escola infantil municipal e para a elaboración do inventario municipal.
O importe total dos investimentos previstos no orzamento para o ano 2020 é de 985.164,71 euros, e destacan as seguintes:
– Contrución dunha nova oficina de Turismo en Padrón: 122.957,45 euros

– Pavimentación en Prada (Cruces), con retranqueo do muro e pavimentación en Rial (Carcacía): 93.725,94 euros
– Mellora do camiño en Extramundi de Abaixo: 72.696,59 euros
– Mellora en camiño en Pedroso Sur: 47.234, 33 euros
– Mellora en Camiño da Barca a Cortiñas (Herbón): 87.723,77 euros
– Mellora na pista de Berzaos a Rial do Mato (Carcacía): 123.524,60 euros
– Reforma e acondicionamento do Edificio Multiusos do Xardín (Padrón): 26.102,03 euros
Ademais, queda prevista unha segunda fase para renovar a iluminación pública do Concello de Padrón, estando xa en proceso de licitación a primeira fase por importe de 240.000 euros, dos cales 180.000 aportaos a IDAE, e 60.000 o Concello de Padrón. E tamén se reservan partidas para servizos básicos e para a área de Turismo.