O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, participou hoxe na “Andaina Primavera no Camiño”, promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés da que forma parte a cidade
O presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, participaron esta mañá na “Andaina Primavera no Camiño”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación co obxectivo de reactivar a ruta como un “camiño seguro” e con todas as garantías tras o confinamento, e na que participaron todos os municipios adheridos á asociación. O grupo encabezado polo edil recorreu o camiño dentro dos límites do concello co fin de animar ás e os peregrinos a volver á ruta, insistindo na seguridade sanitaria no percorrido e nas
instalacións e albergues.
O concelleiro apuntou que entre as iniciativas que o concello ten previsto desenvolver para promocionar o Camiño Inglés desde A Coruña destaca a organización no mes de outubro dun press trip para convidar a xornalistas e blogueiro/as a que coñezan esta senda xacobea, e promocionar o Camiño Inglés entre outros produtos do destino A Coruña. Esta iniciativa conta coa colaboración da
Oficina de Turismo da Embaixada de España en Irlanda.
Ademais, entre o 21 e o 24 de xullo, o concello, a través do Consorcio de Turismo, colaborará nas xornadas Ecom Way Historias do Camiño, co fin de poñer en valor a comunicación 2.0 no Camiño Inglés. Dese xeito blogueiras/os gastronómicos e xornalistas farán a ruta xacobea para descubrir a súa cultura, patrimonio, gastronomía e sustentabilidade. O día 21 terá lugar un encontro no hotel Finisterre
onde se analizará a importancia da comunicación dunha marca.
O Camiño Inglés conta en Galicia con dúas alternativas: o itinerario desde A Coruña de 73 quilómetros e o que parte de Ferrol con 112,5 quilómetros. O Pleno da Coruña ratificou por unanimidade o pasado mes de maio a súa adhesión á asociación. O luns está previsto que o concello participe na asemblea xeral da
asociación para formalizar a súa adhesión. Coa súa incorporación xa están integrados 16 dos 18 municipios polos que pasa este ramal do Camiño Inglés.