Friday 22 de November de 2024

A Xunta facilita o acceso dos forenses á historia clínica electrónica co obxectivo de axilizar os procesos xudiciais


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitaron esta mañá o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga)

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitaron hoxe o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), onde destacaron que o recente acceso dos forenses á historia clínica electrónica ten a potencialidade de axilizar en gran medida os procesos xudiciais e, polo tanto, redundar nun beneficio para todos os cidadáns.

Rueda destacou que este importante paso atende a unha demanda que os propios forenses galegos viñan realizando hai tempo. Ademais de axilizar os procedementos, o acceso ao historial clínico electrónico mellorará a eficiencia do traballo diario do Imelga, garante un ditame profesional e evita estudos innecesarios por parte dos forenses.

A titular de Sanidade situou a Galicia como pioneira no Estado na total implantación da historia clínica electrónica integrada en todos os niveis asistenciais do Servizo Galego de Saúde, dende os consultorios máis remotos da comunidade autónoma ata os principais centros hospitalarios, e que está dispoñible para todos os profesionais sanitarios.

Mosquera subliñou que o novo decreto ten como principal novidade que os médicos forenses poden utilizar esta ferramenta e acceder á historia clínica electrónica. Este feito tamén é pioneiro en España. Deste xeito, estes profesionais dispoñen da información de cada paciente de forma inmediata cando desenvolven a súa actividade, tanto nas actuacións derivadas da realización de autopsias coma noutras de investigacións xudiciais abertas.

Neste eido, a conselleira fixo fincapé en que este acceso se autoriza cando os profesionais desenvolven a súa actividade en centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Asemade, en todos os casos nos que se proporcione acceso á historia clínica electrónica adoptaranse as medidas oportunas para garantir o dereito á intimidade e, fundamentalmente, a seguridade, a protección de datos e a confidencialidade na información clínica da cidadanía galega.

Dende a súa creación fai dez anos, a Xunta segue a mellorar as condicións do Imelga, dos seus traballadores e consecuentemente o servizo que ofrece a todos os galegos. Así, nos últimos anos dotouse aos profesionais dun completo maletín para servizos forenses, puxose en marcha un modelo de xestión e habilitouse tamén un servizo de recordatorios de citas a través de sms.