Os carraleses e carralesas poderán enviar as súas demandas e propostas ata o 15 de xullo. Esta medida reforzarase coas mesas de participación cidadá, que levarán a cabo nas próximas semanas.
O Concello de Carral acaba de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. O documento servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio, permitindo repensar os espazos públicos de Carral e Tabeaio e fomentando unha mobilidade sostible que procure unha accesibilidade universal e permita transformar múltiples hábitos na mobilidade urbana. A implantación de formas de desprazamento máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público, etc.) está estreitamente ligada á redución da contaminación, a mellora da contorna urbana e o impulso da inclusión social, especialmente relevante a partir da situación xerada pola COVID-19.
Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor, Estudo MMASA, poñerá en marcha unha consulta dixital online na que calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar. Con esta medida, búscase coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas de Carral en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 15 de xullo na ligazón http://plandemobilidade.com/carral.
Esta consulta reforzarase coas mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e os veciños e veciñas poderán participar nas próximas semanas. Adicionalmente, poderán enviarse suxerencias ao correo electrónico carral@plandemobilidade.com. A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Carral xorde por mor da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sostible. A situación xurdida a partir da COVID-19 fai que as cidades e municipios teñan que reformularse formas de mobilidade, asumindo que os desprazamentos da poboación van reducir e que os espazos públicos deben garantir a amplitude suficiente para permitir a mobilidade compartida e, en espacial, a mobilidade peonil e ciclista.
O plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análises da situación actual. A continuación, procederase ao diagnóstico dos problemas concretos de Carral en canto á mobilidade e ao uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar á procura de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade.