A competición comeza mañá ás 17.40 horas na enseada do Orzán
Esta mañá tivo lugar en María Pita a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello da Coruña e Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT) para a realización da IV Bandeira Cidade da Coruña, que arrinca mañá na enseada do Orzán, e que supón o inicio da tempada das principais competicións de traiñeiras, as ligas Eusko Label masculina e Euskotren feminina, que estivo marcada polo parón debido á
pandemia da COVID-19. Na firma estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego; a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, e o presidente da ACT, Borja Rodrigo.
O concelleiro quixo destacar a importancia de que A Coruña acolla un evento deportivo destas características, que tan só co persoal traballador da organización e as e os deportistas mobiliza máis de 1.000 persoas na primeira fin de semana de xullo, en que se espera recibir a moitas e moitos visitantes procedentes do País Vasco.
Un total de doce traiñeiras masculinas e catro femininas moverán por primeira vez os seus remos na IV Bandeira Cidade da Coruña tras o parón destes meses. Segundo o sorteo realizado a pasada semana, a primeira xornada da IV Bandeira Cidade da Coruña comezará ás 18.00 horas coa primeira serie formada por Ares, Donostiarra, Ondarroa e Orio. Na segunda remarán Lekittarra, Santurtzi, Cabo e Zarautz, e na última, Hondarribia, Kaiku, Urdaibai e Zierbena. Vinte minutos antes disputarase a primeira xornada da liga Euskotren feminina. O domingo a saída para os equipos femininos será ás 11.40 horas, e vinte minutos máis tardes será a quenda dos equipos masculinos. A entrega das bandeiras terá lugar unha vez que finalicen as series, aproximadamente ás 12.00 e 14.00 horas. As persoas organizadoras indicaron que tanto o sábado como o domingo ao comezo de cada regata gardarase un minuto de silencio en recordo das vítimas do coronavirus.