Naraío debería celebrar este sábado a 27ª edición do Festival do Río Castro, un evento musical e sociocultural nacido en 1994 que ata este 2020 nunca faltara á súa cita anual de primeiros de xullo. A dificultade para asegurar o cumprimento das medidas preventivas e a responsabilidade ante a incerteza que xerou a COVID-19 levaron á AVV O Castelo de Narahío a suspender o festival, aínda que co compromiso de recuperar en 2021 a programación que xa estaba pechada. A organización fíxoo público hai algo máis dun mes a través das súas redes sociais nos seguintes termos:
“¡Chavalada ! Levabamos tempo sen dicir nada nin pronunciarnos, pero é que andivemos agardando todo o posible para decidirmos que facer por se nalgún momento se lle vían trazas de mellora a esta situación que parou o mundo. Falamos hoxe para comunicarvos que, con moita pena, lamentamos ter que dicirvos que este 4 DE XULLO DE 2020 NON SE CELEBRARÁ O FESTIVAL DO RÍO CASTRO.
A nosa inteción dende que comezou a pandemia foi, sempre que as circunstancias o permitisen, poder realizar o festival, aínda que fose máis adiante. Porén temos que recoñecer que para unha entidade veciñal pequena e con recursos limitados como é O Castelo de Narahío non é doado garantir as esixencias en vigor e, ademais, as incertezas que rodean a pandemia recomendan agardar a un mellor momento para celebrarmos a cita.
Dóenos non poder realizar o festival pero tamén o lamentamos pola xente que ten na Cultura o seu medio de vida, sobre todo esa xente que a vive como un compromiso, non como un xeito de facer negocio a mans cheas.
Esperamos que as administracións saiban mirar por todas esas persoas comprometidas que nunca fallaron cando fixo falla, tampouco durante as semanas en que nos fixeron máis levadeiro o confinamento sen pedir nada a cambio.
Ah! e xa por último temos que dicir que o festival do Río Castro estaba completamente programado e pechado desde febreiro. Era un festivalazo e por iso temos previsto contar en 2021 coas mesmas actividades e cos mesmos grupos.
Longa vida ao Río Castro!