Paula Aneiros é unha fantástica pintora e debuxante, e tamén unha excelente profesora que nos últimos tempos impartiu varios cursos para a rapazada en colaboración coa Asociación Brío. Valéndose do seu talento en ambas facetas, o Concello organizou varios obradoiros dirixidos a nenas e nenos de entre 7 e 12 anos para pintar murais de grande formato tomando como referencia temática a natureza e o medio rural. Esta iniciativa artística desenvolverase durante case todo o mes de xullo en Santa Mariña do Monte, San Sadurniño e Igrexafeita en quendas de 10.30 a 11.30h. e de 11.30 a 12.30h. No caso de San Sadurniño o obradoiro impartirao monitorado da empresa Gazapo utilizando a técnica do graffiti.
A iniciativa titúlase “Debullando cores” e ten como finalidade principal promover a creatividade infantil e, ao mesmo tempo, ofrecer unha actividade de lecer durante varias mañás deste mes de xullo que se alternen co programa “Xogamos polas parroquias”, posto en marcha tamén pola Concellaría de Cultura.
A actividade diríxese á rapazada, quen contará coa axuda da pintora Paula Aneiros para decorar distintos espazos públicos ao longo de cinco días. Concibirase a idea, faranse os bocetos adaptados á superficie dispoñible e logo trasladaranse ao seu sitio para trazalos e pintalos. A idea é producir grandes murais que chamen a atención e que reivindiquen cos seus motivos a riqueza paisaxística, natural e/ou patrimonial do noso territorio.
Aneiros é a docente dos cursos de pintura da Asociación Brío, con quen leva tempo traballando, e unha das súas últimas obras colectivas con participación infantil puidemos vela na mostra “Aló no recuncho máis fermoso” en homenaxe a Rosalía de Castro (o cadro que ilustra esta nova).
A primeira sesión de “Debullando cores” terémola en Santa Mariña do Monte a semana que entra. Xa hai grupo formado, que se ocupará de pintar un dos laterais do centro sociocultural da Golpilleira. Os nenos e nenas farano entre o 5 e o 10 de xullo en dúas quendas de mañá –10.30 a 11.30 e 11.30 a 12.30h.– de catro participantes cada unha.
A seguinte cita –San Sadurniño do 13 ao 17 de xullo– ten aínda prazas dispoñibles e estará titorizada por monitorado de Gazapo. Neste caso prepararanse nos xardíns municipais dous grandes paneis en grupos de 5 participantes. O horario é o mesmo que en Santa Mariña. O que cambia é a técnica, posto que para os deseños finais se utilizarán aerosois en vez de brochas e pinceis.
O último obradoiro desenvolverase en Igrexafeita na semana do 27 ao 31 de xullo. Terá lugar no mesmo horario ao pé do local social da Torre ofertando 8 prazas, catro por quenda.
A actividade é gratuíta. A pintura -que será doada de limpar- e outro material porao o Concello. As nenas e nenos só terán que traer mascarilla, un botellín de auga, gorro ou viseira e roupa e calzado do que non se teña moita perda. Tamén é importante que antes de saír da casa se lles bote protector solar.
Ah, importante, fai falla inscrición previa a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou do teléfono 616 332 919.
(enviamos foto de Paula Aneiros con dúas das súas alumnas da Asociación Brío. Imaxe cedida pola Asociación Brío)