Friday 22 de November de 2024

Comezan os obradoiros gratuítos de memoria ne uso de smartphones organizados polo Concello de Frades e a ONG Mestura


As veciñas aínda poden anotarse nos obradoiros de técnicas de relaxación e bailoterapia, que darán comezo a vindeira semana
Unha ducia de veciñas de Frades participan durante este mes de xullo nos obradoiros gratuítos de memoria e de uso de smartphones e tabletas organizados polo Concello de Frades e a ONG Mestura ao abeiro do programa “Neneiras”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade para promover a igualdade e a integración social das mulleres do rural. Uns cursos que deron comezo este mércores e xoves no multiúsos de Frades e que terán lugar ao longo deste mes de xullo.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de dar a benvida ás alumnas, ao tempo que lles lembrou que aínda están a tempo de participar nalgún dos dous obradoiros que darán comezo a próxima semana: técnicas de relaxación (luns 6, 13 e 20 de xullo) e bailoterapia (martes 7, 14, 21 e 28 de xullo). Os cursos son de balde, polo que só hai que anotarse previamente no Concello de Frades (981 695 567) ou na ONG Mestura (981 661 840).
Así mesmo, Ferreiro Marzoa aproveitou para agradecerlle á ONG Mestura a colaboración prestada durante o confinamento, momento no que se interromperon estes catro obradoiros que foron substituídos por un servizo de apoio psicolóxico, asesoramento xurídico, apoio na realización de trámites por Internet, orientación laboral e información sobre recursos de traballo ás mulleres de Frades que o precisaran.