Monday 25 de November de 2024

O Concello reforza Servizos Sociais con máis de dez persoas para afrontar a crise derivada da COVID-19


O voceiro socialista, José Manuel Lage, explicou explicou que instarán a Fiscalía para que poña fin a ocupación ilegal dos bloques de vivendas de Epamar en Palavea

O Goberno local reforza con máis de dez persoas a Concellería de Benestar Social co fin de que poidan afrontar con maiores garantías as consecuencias derivadas da COVID-19, e entre outras cousas, informarlles ás persoas usuarias sobre o Ingreso Mínimo Vital a través dos Equipos de Atención Social. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, explicou durante a sesión plenaria que se estudará o impacto do Ingreso Mínimo Vital e a Renda Social Municipal para darlle mellor cobertura á poboación máis vulnerable. A concelleira rexeitou a idea de pór en marcha unha oficina local para asesorar á veciñanza, tal e como propoñía o grupo Marea Atlántica, porque “cremos que a rede de Servizos Sociais é suficiente”. Neira mostrou o seu desacordo de que sexan as administración locais as que xestionen o Ingreso Mínimo Vital e lembroulle ao Goberno do estado que se quere que os concellos xestionen as axudas debe ampliar as achegas económicas e o persoal traballador.
Por outra banda, o voceiro socialista, José Manuel Lage, explicou que instarán á Fiscalía para que poña fin á ocupación ilegal dos bloques de vivendas de Epamar en Palavea. A raíz dunha moción do BNG, que contou co apoio de toda a Corporación, o voceiro explicou que a situación que se vive en Palavea é un asunto preocupante de seguridade cidadá.
Por iso, cre necesario impulsar unha modificación legal que eviten que se repitan situacións coma a que se está a vivir en Palavea “onde os prexudicados son as veciñas e os veciños”. E sinalou que o Goberno local axudará as persoas en risco de exclusión social, pero non tolerará actos delituosos. A moción tamén recolle que se realizarán xestións ante o Sareb, titular da maioría das vivendas, co fin de que as ceda ao concello para a súa transformación en vivendas sociais e pediráselle á Xunta que se atendan as necesidades dos menores residentes en Palavea.
Por outra banda, o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, explicou que o concello traballa para favorecer que a xuventude sen recursos poida acceder á práctica deportiva. E confirmou que a prórroga do contrato con Amartya garante a continuidade das escolas deportivas municipais, así como os postos de traballo dos monitores. Os socialistas apoiaron a moción do Grupo Mixto para que se destine a próxima temporada unha axuda económica, a través de bolsas, para que as familias empadroadas na cidade e con escasos recursos económicos poidan custear os gastos que xeran a práctica deportiva das súas crianzas. O concelleiro de Deportes asegurou que o Consello Municipal do Deporte, que está a piques de poñerse en marcha, será “a voz do deporte da cidade”, e que o plan director definirá todos os plans deportivos da cidade. Tamén se estudará a xestión directa das instalacións deportivas do Castrillón e San Diego e a transferencia dos centros da Xunta tal e como contemplaba a moción conxunta presentada polo PP e o Grupo Mixto, emendada polo BNG e Marea, para que se elabore unha ordenanza municipal de deporte.
Por outro lado, o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, anunciou, nunha moción presentada polo PP, e que saíu adiante tras a transacción da emenda do grupo socialista, que en breve rematará a licitación do novo contrato do servizo de Bibliotecas como a “solución legal para resolver a situación laboral do persoal traballador”, mentres se avanza no impulso da unificación da rede a través da xestión directa.

Durante o debate da moción do BNG sobre as residencias de maiores, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, quixo en primeiro lugar agradecerlle ao persoal traballador das residencias de maiores o seu labor durante a pandemia e pediulle ao Goberno autonómico transparencia na súa xestión e unha aposta clara polo público porque “durante a xestión da crise sanitaria xa puidemos comprobar os resultados do adelgazamento do público”.
A moción en que se insta ao Parlamento Galego a que investigue a xestión das residencias da terceira idade durante a pandemia da Covid-19, e que presente as accións realizadas até o momento nas residencias ante posibles incumprimentos foi apoiada por todos os grupos políticos agás polo PP que se abstivo. Tamén se lle pedirá á Xunta que garanta as medidas de hospitalización para persoas das residencias e que a próxima residencia na cidade sexa de xestión pública.
O Goberno local reiterou a súa defensa dos postos de traballo na factoría Alu Ibérica e pediulle a todas as administracións a súa colaboración para sacaren adiante o estatuto electrointensivo nunha moción do BNG apoiada por todas a forzas políticas agás o PP, que se abstivo.
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, criticou que a Xunta sexa a última comunidade en abrir os centros de día xa que “non é exemplo de boa xestión”. Por iso, mostrou a súa satisfacción pola rectificación da Xunta, que abrirá os centros o 15 de xullo. Deste xeito, o Goberno local apoiou a moción da Marea Atlántica para que a Xunta incremente o investimento nos servizos públicos de sanidade da cidade e poña fin aos contratos precarios.
E, por último, a moción da Marea Atlántica para a incorporación de políticas ambientais a unha saída transformadora da crise aprobouse coa abstención do PP, mentres que a proposta do Grupo Mixto para que o Concello negocie co actual concesionaria a recuperación dos arcados de Riazor se aprobou por unanimidade.