Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa de Vimianzo remítese ao contexto sanitario e á seguridade dos cidadáns no tema da Feira do municipio


A rexedora vimiancesa alude a que ‘non se pode facer política de tan baixo calado nunha situación como esta. É intolerable’, en alusión ao voceiro de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, remitirase ao contexto sanitario e á seguridade dos cidadáns no tema da Feira do municipio. A rexedora vimiancesa alude a que ‘non se pode facer política de tan baixo calado, e sobre todo nun contexto como este. É intolerable’, en alusión á actitude do voceiro de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo.
Hoxe tivo lugar unha manifestación diante da Casa do Concello, á que acudiron unhas vinte persoas e que non representan ‘significativamente nin o sentir dos feirantes nin o do pobo de Vimianzo’, aluden desde o Concello. A este sentido, a alcaldesa aclara que ‘desde o goberno local seguimos abertos ao diálogo, xa que na última reunión acordamos que se lles remitiría aos comerciantes un documento de compromiso e ninguén recolleu o mesmo. Fai seis semanas que poden exercer a súa actividade, cunha maior seguridade para todos, e non comprendemos como uns se poden acoller e outros rexeitan esta opción’, argumenta a rexedora.
Mónica Rodríguez asegura que ‘desde o Concello priorizaremos, sobre todo no verán, a seguridade da veciñanza. Somos plenamente conscientes que desde a Xunta, e logo do levantamento do estado de alarma, os criterios son máis flexibles.
Pero nós tamén fixemos unha análise exhaustiva e habilitamos un espazo no que tanto veciñanza como comerciantes están máis seguros’, comenta.
Ante esta situación, tremendamente complexa, o grupo de oposición Adiante Vimianzo, Manuel Antelo, non amosou en ningún momento a súa colaboración, senón máis ben o contrario. ‘Adicouse a avivar un lume non sabemos moi ben por que motivo, xa que tras conversacións tanto con varias persoas que traballan nos postos como de boa parte da veciñanza, amosaron pleno convencimento do correcto desenvolvemento da feira no espazo habitual’.

A alcaldesa incide en que ‘é unha solución provisional ante unha pandemia mundial, non é un capricho político nin moito menos persoal. Temos que poñer todas e todos da nosa parte, e cremos que a situación xa é o suficientemente delicada como para crear polémicas que non nos tocan nestes momentos’, sentenciou a rexedora. ‘Incidimos na importancia de aclarar que nós non estamos culpando aos comerciantes e hostaleiros, iso é unha barbaridade. Non se nos pode acusar de aproveitarnos da situación, como vimos lendo estes días a través de varias canles; temos que deixar de un lado o populismo e remar todas e todos cara unha dirección’.