A Mancomunidade de Ordes patrocina este traballo no que se narra a historia de Antonio Gómez Carneiro, alcalde de Mesía durante a Segunda República e importante empresario da comarca
O historiador orosán Manuel Pazos presentou recentemente a súa última obra literaria ‘A República da Berxa’. No libro nárrase a historia de Antonio Gómez Carneiro, dúas veces alcalde de Mesía ao longo da Segunda República ata o inicio da Guerra Civil española. Perseguido pola ditadura franquista cumpriu condena carceraria durante varios anos na prisión da Coruña. Tras un período emigrado en Bos Aires toma conciencia do atraso económico e cultural da súa terra natal, á que volve coa intención de crear unha escola e biblioteca na localidade de Gonzar (O Pino). Persoa preocupada polo progreso e o benestar da sociedade, emprendeu diversas actividades económicas. Entre elas destácase a instalación da Central Berxa, unha das máis importantes centrais hidroeléctricas da bisbarra ordense, que tivo como orixe o muíño da Berxa á beira do río Samo.
No acto de presentación, que tivo lugar na Casa Cultural de Xanceda, participaron o presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos; os alcaldes de Mesía e Oroso, Mariano Iglesias e Manuel Mirás respectivamente, así como o profesor da Universidade de Santiago Emilio Grandío. Para pechar o acto todos e todas desfrutaron da actuación musical das cantareiras da Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía e das interpretacións do dúo Mini e Mero.
‘A República da Berxa’ está editada pola Asociación Cultural Obradoiro da Historia e patrocinada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Na súa realización o autor tamén contou coa colaboración dos concellos de Mesía, Oroso e as asociacións culturais mesienses Amigos da Capela da Nosa Señora de Arxán e Bieito Fandiño.