Saturday 16 de November de 2024

A Xunta aproba un plan para industria electrointensiva que declara o sector como esencial e estratéxico


Feijóo demanda a convocatoria inmediata da poxa de interrompibilidade, incrementar o orzamento das compensacións por emisións de CO2 e a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta aprobou un plan para a industria electrointensiva que declara o sector como esencial e estratéxico.
“O que pretendemos é activar unha serie de medidas de acompañamento que permitan defender a actividade e manter os 5.000 postos de traballo que están neste momento en risco na Comunidade Autónoma”, aseverou Feijóo.
Deste xeito todos os proxectos industriais de ampliación, modernización e transformación se considerarán proxectos industriais estratéxicos, tras a aprobación por parte do Consello da Xunta.
Así mesmo, o plan da Comunidade contempla tanto o tratamento prioritario na Axenda 4.0 dos proxectos vinculados a esta industria, como a redución dos prazos de tramitación dos contratos bilaterais propostos polo Goberno central.
No que respecta ao ámbito competencial do Estado, a Xunta propón a elaboración dun Plan nacional de recuperación, que permita optar ao instrumento de recuperación da Unión Europea dotado con 750.000 millóns de euros. “Propoñemos o deseño dun mecanismo de poxa específica para os contratos bilaterais das electrointensivas e tamén préstamos participativos con fondos da Comunidade Autónoma para apoiar os plans industriais das empresas hiperelectrointensivas que queiran investir na súa maquinaria ou nos seus procesos produtivos”, engadiu, incidindo na necesidade de que o Goberno central active as medidas necesarias para garantir un prezo eléctrico.
O presidente da Xunta demandou a convocatoria inmediata da poxa de interrompibilidade; incrementar o orzamento das compensacións por emisións de CO2, pasando desde os 6 millóns actuais aos 275 millóns que permite a normativa europea e a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo.
O presidente da Executivo autonómico concluíu afirmando que a Xunta seguirá apostando pola industria electrointensiva.