As obras supuxeron un investimento de máis de 107.000 €, financiados pola Xunta de Galicia e o Concello de Frades ao abeiro do Plan Hurbe
A empresa BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas SL vén de rematar as obras de humanización da contorna do centro de saúde de Abellá (Frades), iniciadas o pasado mes de marzo pero cuxa execución foi interrompida pola pandemia do coronavirus Covid-19. Unhas obras que supuxeron un investimento de 107.22,35 euros, financiados nun 70% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e nun 30% polo Concello de Frades.
As obras consistiron no levantado das tullas que limitaban a parcela a carón do centro de saúde, así como os tocóns das antigas tullas que se mantiñan nos laterais da praza. Así mesmo, desmontouse o muro de formigón da parcela, xa que estaba moi deteriorado e presentaba fisuras nalgunhas zonas. No seu lugar instalouse un novo peche perimetral.
Así mesmo procedeuse a unificar os distintos pavimentos da praza cun formigón continuo coloreado. Finalmente, as luminarias exteriores estaban en mal estado de conservación e non achegaban moita luminosidade, polo que foron substituídas por unhas novas de tecnoloxía LED, aproveitando así para soterrar as liñas aéreas que existían na praza.
Roberto Rey amósase moi satisfeito polo resultado dos traballos pois “conseguimos unha praza moito máis agradable para os veciños e veciñas e na que poidamos organizar máis actividades”. Esta actuación está incluída no Plan Hurbe e é froito do convenio de colaboración asinado en 2019 polo alcalde de Frades e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.