Aumenta nun 22,6% a súa oferta anual, que se concentra no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma
Os concertos regresan esta fin de semana á Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en 20 salas de 14 localidades, que ofrecerá 250 actuacións de moi diferentes estilos ata final de ano. Esta cifra supón un incremento dun 22,6% na súa carteleira anual, que nesta ocasión se concentra principalmente no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma.
Mantense, así mesmo, a progresión ascendente do seu orzamento, que este ano se incrementa nun 17% para situarse preto dos 200.000 euros, dos que un 90% corre a cargo da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante é asumido polos 20 locais privados asociados ao circuíto. Este investimento destínase integramente á contratación das 81 bandas e artistas, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma á programación de 2020.
Oito actuacións esta fin de semana
A actividade da Rede Galega de Música ao Vivo retómase na primeira fin de semana de xullo con oito destes grupos: o venres 3 actuarán Aldaolado na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Cora Velasco na Arca da Noe de Vilar de Santos, The Lákazans no Náutico do Grove e The Swing Flamingos no Garufa Club da Coruña; o sábado 4 será a quenda de AAF’60 no Pub Gatos de Melide e de Cachas&Cousins na Pousada, e o domingo 5 continuará a actividade na Arca da Noe o no Náutico con TOR e Pablo Lesuit, respectivamente.
Ademais das devanditas salas, tamén integran o circuíto autonómico de música ao vivo Bâbâ Bar da Coruña, Aturuxo de Bueu, SalaSON de Cangas, Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación de Melide, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, e El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo
Os carteis ofrecidos por estes locais no marco da rede continúan reflectindo a gran variedade de estilos da música feita en Galicia, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk, o punk ou mesmo o flamenco. Así, atendendo aos grupos con máis concertos programados en 2020, sobresae o rockabilly de Mad Martin Trío, a mestura de rocksteady, R&B e soul xamaicano de Cachas&Cousins, o pop alternativo e en galego de Ataque Escampe, o blues de The Lákazans, o rock garaxeiro e tamén en galego de Familia Caamagno ou o pop-rock con achegas doutros estilos de Eladio y los Seres Queridos.