A alcaldesa participou na entrega de premios Atresmedia #graciasporcuidarnos, en que se distinguiu a cidade da Coruña polo seu comportamento no confinamento
O Teatro Rosalía acolleu esta tarde a celebración dos premios Atresmedia #graciasporcuidarnos, en que a emisora Onda Cero distinguiu a cidade da Coruña polo seu comportamento durante o estado de alarma. A alcaldesa, Inés Rey, falou en nome da veciñanza para asegurar que a cidade estivo á altura e que foi solidaria, responsable e amable coas persoas que máis o necesitaron. A rexedora sinalou que aínda que os números semellan mellores, nesta nova situación “mantelos depende unicamente de nós e da nosa responsabilidade”.
Deste xeito, valorou moi positivamente a adaptación das e dos pequenos cando tocou confinarse na casa: “Agárranse á vida porque están cheos dela”.
Tamén se lembrou das persoas maiores, “vítimas deste virus até o de agora descoñecido. Non o merecían máis aínda se cabe por pertenceren a unha xeración en que as cousas non lles viñeron dadas. Loitaron desde ben novos por buscárense o pan nunha época que non entendía de luxos”. Rey afirmou que se hoxe podemos desfrutar das e dos maiores que superaron a enfermidade foi pola xente que non parou, “que lle roubou horas ao día para nos curar e salvar”.
A alcaldesa engadiu que “hoxe temos que seguir valorando o que temos, debemos desfrutar da nosa contorna, da nosa xente, sen esquecérmonos de que o virus aínda está. Non marchou”.
Por iso, sinalou que “non podemos tirar pola borda o tempo que estivemos metidos na casa e debemos marcar as distancias sociais”, xunto á máscara como complemento fixo da nosa indumentaria co fin de nos protexer a nós mesmos e aos demais e cambiarmos os hábitos para sempre. Rey animou ás e aos coruñeses a que sigan demostrando o que son, “veciñas e veciños de primeira que sabedes estar cando volo piden”.