A alcaldesa mantivo esta tarde unha reunión co estudantado e mais cos seus pais e nais, en que se comprometeu a estudar unha alternativa de cara ao curso que vén, sempre que sexa legalmente posible
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta tarde co alumnado ao que este ano se lle concedeu as bolsas USA e mais cos seus pais e nais para lles escoitar as súas reivindicacións que previamente foron recollidas tamén polo concelleiro de Educación, Jesús Celemín. A rexedora transmitiulles no encontro que a decisión de cancelar o programa é irrevocable dada a situación epidemiolóxica “fóra de control” en que se atopa o país norteamericano, con máis de 40.000 contaxios diarios, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Rey recordou que o xefe de Epidemioloxía está advertindo dunha posible suba nas vindeiras xornadas das 40.000 infeccións ao día ás 100.000 e lembrou tamén os máis de 127.000 falecementos rexistrados no territorio estadounidense pola COVID- 19: “Con estes datos vémonos na obriga de cancelar un programa tan importante para os nosos escolares”. A alcaldesa comprometeuse a estudar unha solución para estas/es estudantes bolsadas/os de cara o vindeiro curso académico, sempre que sexa legalmente posible.