A finalidade desta iniciativa é establecer un dispositivo permanente de información, previsión, alerta e actuación antes as emerxencias derivadas dun accidente de contaminación mariña
O Goberno local presentará mañá en sesión plenaria para a súa aprobación inicial o Plan local de protección da ribeira do mar contra a contaminación. A finalidade deste plan é establecer un dispositivo permanente de información, previsión alerta e actuación antes as emerxencias derivadas dun accidente de contaminación mariña, que terá capacidade para protexer á poboación e, na medida do posible, evitar ou polo menos reducir os danos. O plan estará integrado no Plan territorial de continxencias por contaminación mariña da Comunidade Autónoma de Galicia, CAMGAL, e no Sistema Nacional de Resposta ante a contaminación mariña.
Unha vez aprobado o documento, publicarase no BOP e expoñerase a información pública durante 30 días co fin de que as persoas interesadas poidan presentar alegacións e suxestións. O plan estará dispoñible na web: www.coruna.es/mediomabiente e en formato papel nas oficinas da Casa do Auga.
Na sesión de mañá, a Corporación abordará de maneira inicial o expediente de modificación do orzamento do IMCE 2020, que consiste nunha baixa por importe de 700.000 euros debido a unha diminución de ingresos por transferencias do Concello que foron destinadas ao Plan de reactivación económica e social da Coruña ( PRESCO) tras un acordo unánime da Corporación Municipal. En concreto, estes 700.000 euros financian a Liña 6 do plan de reactivación que irá destinada á industria cultural coa programación de actividades de lecer e a vinculación da cultura co comercio e a hostalaría, para o que se investirán 300.000 euros. Tamén se convocarán bolsas de creación para artistas individuais empadroadas/os na Coruña, cunha contía de 180.000 euros, e un bono cultura, que se poderá trocar por entradas para espectáculos, libros, discos e demais produtos culturais. A dotación total para esta liña cultural é de 910.00 euros.
Ademais desta baixa, proponse un crédito extraordinario por un importe de 30.066 euros con e un suplemento de crédito de 116.500 euros financiados co remanente líquido de tesourería para gastos xerais. Estas partidas serán destinadas a amortecer as consecuencias da pandemia.
Tamén se tratará a comparecencia do concello no recurso presentado por Repsol Petróleo SA contra a resolución do Tribunal en que se desestiman as alegacións presentadas pola compañía contra o acordo plenario que lle deu luz verde á modificación da categoría fiscal da zona da refinería, e que supón actualizar o Imposto de Actividades Económicas (IAE) que paga Repsol.
Por último, o pleno debaterá tamén o estudo de detalle para completar e reaxustar as rasantes na esquina da avenida Lamadosa coa rúa Jerónimo Vázquez Franco e outro sobre a ampliación das instalacións da entidade Showa Denko Carbón.