Hoxe ás 11:00 horas tivo lugar este simbólico acto, que sempre marcaba o comezo das conmemoración do Asalto ao Castelo.
Hoxe tivo lugar o acto conmemorativo onde se descolga o estandarte dos Moscoso, que sempre marca a saída das celebracións do Asalto ao Castelo, e que como todo o mundo sabe, foi suspendida por mor da COVID-19. Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Lema; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; e a concelleira de Benestar Social, María José Pose. A torre principal da xoia patrimonial de Vimianzo loce, pois, desde esta mañá co Pendón conmemorativo da gran festa do municipio, que este ano non se conmemorará por mor da COVID-19, pero que si contou con este simbólico acto.
Foi elaborado por Amigos do Liño, que forma parte das diferentes artesás e artesáns que traballan de martes a domingo no interior do edificio, na Mostra de Artesanía ao Vivo de Vimianzo.
Presentación do cartel do acto simbólico do sábado
Aínda que a conmemoración do Asalto ao Castelo, que nesta edición tería cumprido 25 anos e que non se celebrará, ‘si contaremos cun pequeno acto que demostra a importancia coa que as vimiancesas e vimianceses tratamos a nosa celebración por excelencia’, comentou a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
Ao longo desta última semana, Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, está a elaborar un mural con motivo desta festividade no centro do municipio. Unha gran irmandiña será a protagonista desta peza, na que o Castelo será o elemento vehicular da mesma.
De 13 a 16 horas e de 19 a 22 horas, haberá unha ofrenda musical irmandiña polas rúas. Ás 20:230 horas será a presentación do mural de Cestola na Cachola, na praza Castelao. Ás 21:00 horas, a intervención teatral a cargo de Vicente Mohedano. Media hora máis tarde, a subida ao Castelo, cun aforo máximo de 300 persoas e xa para finalizar a xornada, a proxección da película ‘O que arde’, de Óliver Laxe e ás 22:30 horas, cun aforo máximo de 200 persoas.