Saturday 16 de November de 2024

Xa está aberta a oficina de información turística do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro


 

A oficina de información turística do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro abríu hoxe as súas portas logo de que tivese que pechar por mor da declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo. Fixouse como data de apertura o 1 de xullo, xa que nestes días o aeroporto está recuperando a maior parte das súas rutas, incluíndo as internacionais, aínda que cunhas frecuencias adaptadas á situación actual.

No acto de apertura participaron o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila.

A oficina de información turística conta con todas as garantías sanitarias. Nas pasadas semanas implantaouse unha serie de medidas seguindo os diferentes protocolos aprobados pola Xunta e o Instituto para a Calidade Turística Española. Estas medidas agrúpanse en tres categorías: medidas para garantir a distancia de seguridade, medidas hixiénico-sanitarias e medidas organizativas.

A nova oficina de información do aeroporto, atendida por persoal de Turismo de Santiago, estreouse o 1 de marzo de 2019, froito da colaboración entre o Concello de Santiago, a Consellería de Cultura e Turismo, AENA e o Ministerio de Fomento. Durante os próximos meses estará aberta todos os días da semana de 10:00 a 18:00 horas.

Máis de 500 consultas na oficina de información turística da rúa do Vilar
Turismo de Santiago abríu a súa oficina de información turística central, ubicada na rúa do Vilar, o pasado 15 de xuño. Entre o 15 e o 21 de xuño, cando aínda non estaba permitida a mobilidade entre comunidades autonómas, atendéronse 76 consultas presenciais, cunha media de apenas 10 consultas diarias.

Non obstante, dende o levantamento do estado de alarma, o número de consultas diarias aumentou ata máis de 50 consultas diarias, con 466 consultas entre o 22 e o 30 de xuño. A previsión é que esta media diaria continúe aumentando nas próximas semanas, coa recuperación progresiva da mobilidade e de conexións aéreas no aeroporto.