Saturday 16 de November de 2024

A Torre de Hércules reabre as súas portas este sábado


O monumento declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO retomará a súa actividade con estritos protocolos de seguridade
A Torre de Hércules reabrirá as súas portas este sábado tras o estado de alarma co seu horario habitual de verán, isto é, de 10.00 a 21.00 horas.

Para reabrir o faro romano necesitouse implantar medidas estritas de seguridade sanitarias e revisar o Plan de auto-protección da Torre de Hércules para protexer tanto o persoal traballador do monumento como as persoas visitantes. Todas e todos os empregados do Patrimonio Mundial da Humanidade, así como da Oficina de Turismo e as empresas auxiliares recibiron formación específica sobre os novos protocolos.
Con estas medidas, extremaranse as precaucións tanto na compra de entradas como na entrada á Torre de Hércules. Ao punto de venda de tíckets só poderá acceder unha persoa por grupo e limitarase a presenza de visitantes no seu interior.
Todas as normas explicaranse a través de carteis informativos e nos folletos, que xa non se darán fisicamente, pero que se poderán descargar nos teléfonos móbiles mediante códigos QR.
Deberase desfrutar do monumento coa máscara sanitaria posta agás aquelas persoas que estean exentas de usala, que terán que xustificalo e, en todo caso, manteren a distancia de seguridade. Todos os grupos irán acompañados por un/unha guía e só poderán acceder ao faro 15 persoas á vez e por hora, xa que a visita terá un máximo de duración de 45 minutos e o cuarto de hora restante servirá para acondicionar os puntos que teñan máis risco de contacto de cara ás seguintes quendas.