Friday 22 de November de 2024

Xosé Regueira aposta pola colaboración dos sectores público e privado na recuperación do turismo


O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou no Encontro Profesional de Turismo organizado polo consorcio de Turismo e Congreso da Coruña no que defendeu o reto de aproveitar a oportunidade como destino de proximidade. Apuntou tamén a necesidade dunha maior implicación do sector privado na planificación do Turismo

Nunha mesa sobre “Turismo de proximidade”, Xosé Regueira interveu no foro organizado en Palexco no que falou das posibilidades e os retos que o novo tempo abre para os destinos da provincia e, en especial, defendeu a necesidade de recuperar o turismo urbano xa que as cidades, ao seu ver, “son o motor do territorio”.

Nesta “nova realidade” inaugurada tras a pandemia, Xosé Regueira aposta por prestar unha maior atención ao cualitativo que ao cuantitativo. Preguntouse o deputado de Turismo por que era máis sinxelo chegar a un dos dous aeroportos da provincia da Coruña que moverse por ela polo que reclamou a urxente mellora de transporte e mobilidade.

“O turismo de proximidade pode servir a curto prazo como estratexia de recuperación do sector mais até que recuperemos o mercado emisor non imos chegar ao nivel necesario”, sinalou Regueira. Neste sentido, apostou tamén por unha maior implicación do sector privado na planificación estratéxica do turismo nun momento en que é preciso a suma de forzas para conseguir saír da crise provocada pola pandemia.

Abordar os restos do sector turístico e congresual tras a crise sanitaria foi o obxectivo do primeiro congreso presencial pos coronavirus que se desenvolveu ao longo de toda a xornada na Coruña no que se abordou a situación e os retos do sector. Xosé Regueira participou nunha mesa moderada polo xornalista de Radio Coruña, Pablo Díaz, xunto co Presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins, a xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Lanzada Calatayud, o director do aeroporto da Coruña, Jesús Campo e o especialista en viaxes da Cadena Ser, Paco Nadal.