A Xunta de Goberno Local ten previsto autorizar tamén a remodelación do centro comercial Espazo Coruña
A Xunta de Goberno Local que se celebra mañá ten previsto darlle luz verde á licitación do proxecto e a dirección das obras correspondentes á construción dun edificio de vivendas de promoción pública que o concello promove na parcela Z-37 do Parque Ofimático.
O orzamento de licitación das obras non poderá superar o importe máximo de 8.086.478 euros. O prazo para a redacción do proxecto de execución será de nove meses, que empezarán a contar desde a formalización do contrato, incluirá unha entrega intermedia do proxecto básico nos tres primeiros meses, e finalizará coa entrega do documento completo na Oficina de Supervisión de Proxectos do concello. Ademais, estableceranse novos prazos para a corrección de deficiencias ou para realizar correccións. O prazo estimado para a dirección de obra é de 18 meses, pero poderá modificarse en función do que se estableza no propio proxecto.
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizará a remodelación do centro comercial Espazo Coruña. O Goberno local concederalle a licenza a Espazo Coruña Shopping, SL para reformar as plantas baixa e primeira e o acceso norte do centro comercial situado na rúa José Pascual López Cortón, 10. O prazo para iniciar as obras é de 6 meses. O proxecto non supón a demolición do edificio. Na planta comercial 0, a reforma inclúe case a totalidade da mesma, pasando de 40 locais a 13 locais e 4 quioscos. Na planta 1 pasarase de dispoñer de 45 locais a 32. Mentres que na planta 2 e a cuberta os cambios son debidos á colocación dunha nova escaleira de evacuación. Ademais, o proxecto contempla actuacións sobre o acceso norte, elementos comúns, escaleiras, fachadas e melloras na accesibilidade.
A Xunta de Goberno Local tamén lle nconcederá a Abanca Corporación licenza para modificar a distribución das plantas baixa, entreplanta e soto do edificio de oficinas situado na rúa Nova. A licenza ten por obxecto permitir as modificacións do proxecto autorizado pola Xunta de Goberno local o 24 de agosto de 2018 para rehabilitar e reformar o edificio que é a sede da entidade bancaria.
A rehabilitación contempla a instalación de escaleiras mecánicas, sistema de tornos para o control de acceso, e a ampliación do espazo da recepción, polo que será necesario facer obras na fachada.
Doutra banda, o Goberno municipal aceptará de maneira parcial o recurso presentado pola Asociación Galega de Familias numerosas contra o acordo da Xunta de Goberno Local do 17 de xuño, polo que se aprobaron as bases reguladoras do proceso de admisión nas escolas infantís municipais para o curso
2020-2021. O concello incluirá un apartado de valoración por familia numerosa de 2 puntos dentro do apartado de cálculo da situación sociofamiliar, e desestimará a segunda petición en que se solicita que se valore no baremo económico a renda per cápita (renda anual dividida polo número de membros) ao entender que se incorrería nunha acumulación de beneficios para unha mesma finalidade e por un
mesmo motivo (número de integrantes da unidade familiar).
Na sesión de mañá e no ámbito social, aprobarase a firma do convenio de colaboración entre o Concello e a Asociación Ciudadana de Lucha contra la Droga (ACLAD), cun orzamento de 220.000 euros para financiar os gastos de mantemento das actividades realizadas polas unidades asistenciais de atención a persoas drogodependentes para o ano 2020. Tamén se lle dará luz verde ao convenio entre o concello e Cáritas, para o financiamento do programa de axudas sociais dirixido a persoas en situación de necesidade, que contará cun orzamento de 130.000 euros.
Ademais, o Goberno local autorizará a firma de convenios de colaboración coa Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos (91.000 euros) para financiar os gastos de funcionamento; coa Fundación Adcor (61.000 euros) para un servizo de formación para o emprego de persoas con diversidade intelectual, e con Cruz Roja Española (89.000 euros) para o financiamento do servizo de urxencias sociais SEMUS e do programa “transporte sanitario” cun orzamento de 64.000 euros.