Tras a colocación dos contedores de lixo na súa localización definitiva, Mobilidade limitará durante toda a xornada os trazados, en que unicamente poderán acceder os vehículos para realizaren labores de carga e descarga até as once da mañá
O concello informa a veciñanza de que a partir de mañá comezarán os traballos de peonalización nas rúas Alcalde Marchesi e Compostela. Tras a colocación por parte de Medio Ambiente dos contedores de lixo na súa localización definitiva, será Mobilidade a que realizará durante toda a xornada a adaptación de ambas as rúas tal e como se fixo no pasado Nadal, co único cambio que Alcalde Marchesi non se taponará co fin de lles permitir o acceso aos vehículos para labores de carga e descarga até as once da mañá como están autorizados no resto de zonas da Coruña que se transitan a pé.
Desde a Concellería de Mobilidade confían en que o persoal traballador se limite a este horario e respecte o carácter peonil dos dous trazados, que quedarán limitados con bordillos e elementos de ornamentación co fin de disuadir a entrada en coche.
Deste xeito, controlarase que non quede ningún camión dentro do perímetro fóra dese horario.
Canto á peonalización de Alcaldi Marchesi, esta forma parte do proxecto da rolda peonil, que unirá a Agra co parque de San Diego, mentres que a de Compostela pertence ao proxecto de remodelacion dos Cantóns. Ambas as iniciativas están en fase de redacción. Ademais, as dúas rúas están incluídas dentro do novo regulamento de terrazas para este verán, a través do cal os locais de hostalaría poderán solicitar a ocupación con mesas das prazas de aparcamento que teñen na súa fronte. A peonalización prolongarase até 15 de setembro, pero desde Mobilidade estudan a posibilidade de estendela ao período de Nadal.