A empresa pública Xestur vén de licitar estas dúas obras para poder continuar co desenvolvemento desta gran área empresarial
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, acaba de licitar por un importe de case 18 millóns de euros –concretamente, 17.782.806 euros- dúas obras importantes para o desenvolvemento futuro do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo.
Despois de que o Consello da Xunta aprobara definitivamente a modificación do proxecto sectorial desta gran área empresarial, Xestur licitou esta semana as obras de conexión exterior do saneamento de Morás por un importe de 6.463.161,49 euros e cun prazo de execución de 16 meses.
O obxecto deste contrato é a construción das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono industrial de Morás ata a arqueta de carga do sifón de Bens.
Para isto, construirase un sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no parque empresarial sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo. Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.
Por outra parte, a empresa pública tamén sacou a licitación esta semana a obra de urbanización da fase B do devandito parque empresarial, por un importe de 11.319.644,51 euros e cun prazo de execución de 12 meses.
Obras en execución
Actualmente, no parque empresarial de Morás estanse executando os remates das obras de urbanización da primeira fase. Así mesmo, xa están finalizadas as obras da estrada DP- 0512, a explanación de plataformas, electrificación e alumeado público e conexións exteriores, cun investimento dende 2009 de preto de 24 millóns de euros aos que se sumarán os preto de 18 millóns das obras que acaban de licitarse.
Nesta área empresarial xa se adxudicaron ata o momento preto de 650.000 metros cadrados a varias empresas que se asentarán proximamente na mesma. A modificación do proxecto sectorial aprobada a semana pasada polo Consello da Xunta e as obras que se van licitar por parte de Xestur facilitarán precisamente este proceso de implantación nun dos parques empresariais con maior proxección a futuro de toda Galicia.