Os concellos de Ames, Fisterra, Pontedeume e Noia acollen o concerto de Atlantic Mozart Flute Quartets
A Deputación da Coruña anima a achegar a música clásica á tradicional con Catro concertos compoñen o programa co que a Deputación da Coruña promove o espectáculo “Mozart á galega” que levará a música clásica con acento propio a catro concellos da Coruña. O espectáculo de Atlantic Mozart Flute Quartets sentirase do 25 ao 28 de xuño en Ames, Fisterra, Pontedeume e Noia.
Con Luís Soto na Frauta Travesa, David García no violín, Ioana Ciobotura na viola e Millán Abeledo no violonchelo, “Mozart á galega” mestura dous mundos musicais en aparencia afastados mais que se dan a man nun programa que achega á música clásica á tradicional galega. O espectáculo está pensado para todo tipo de públicos, desde os máis novos aos maiores, e a xira polos concellos da provincia forma parte dos actos de conmemoración da Área de Cultura da Deputación da Coruña polo Día da Música.
Os recitais inclúen unha charla-guía de audición para o achegamento ao programa. “Trátase dunha iniciativa que elimina prexuízos e que fai sentir no mesmo concerto a nosa música tradicional e a clásica dun autor de canon como é Mozart e o resultado demostra que son harmoniosas, que pegan ben e poden agradar a persoas amantes da música”, destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.
“Cando Mozart viaxaba por centro Europa sorprendendo a propios e estraños, en Galicia o mar xa batía contra os cantís de Cabo Vilán, os montes do Mosteiro de Samos xa cantaban Gregoriano, nas lonxas o peixe vendíase a gritos, a Compostela chegaban cada día centos de almas que buscaban a paz e o perdón”, destacan desde Atlantic Mozart Flute Quartets para recoller a filosofía dos concertos.
O programa inclúe pezas como o “Alalá das Mariñas”, “E pousa, pousa, pousa” ou “A Carolina” como pezas tradicionais xunto con obras de Mozart como o cuarteto para frauta e cordas en La Maior, KV 298 ou o cuarteto para frauta e cordas en Sol Maior, KV 285a. O contido musical do concerto sairá en disco o vindeiro ano nunha publicación que inclúe un libro de Fina Casalderrey sobre Mozart en Galiza para infantil e xuvenil.
Concertos
Ames, 25 de xuño ás 22.00 h. no Pazo da Peregrina (Bertamiráns)
Fisterra, 26 de xuño ás 21.00 h. na terraza do Hotel O Semáforo (Faro de Fisterra)
Pontedeume, 27 de xuño ás 21.00 h. na Igrexa de Santiago
Noia, 28 de xuño ás 12:00 h. na igrexa de Santa María a Nova