Valentín González Formoso e José Antonio Santiso Miramontes asinaron hoxe o convenio, que permite atender a persoas derivadas polos servizos sociais de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, Jose Antonio Santiso Miramontes, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o mantemento da Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas durante o ano 2020, un servizo que dende hai anos vén prestando apoio xurídico especializado a persoas e familias derivadas polos servizos sociais dos oito concellos que integran o Consorcio (Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada).
A Deputación da Coruña subvenciona este ano preto do 77% dos custos do servizo cunha cantidade anual que ascende a 60.000 euros e que permite a contratación de dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais (estranxeiría, desafiuzamentos, dereito de familia, laboral, violencia de xénero…) e dun administrativo.
Segundo explicou Valentín González Formoso, o servizo recibiu o ano pasado 825 consultas, o que amosa “a elevada demanda e a utilidade” deste para ofrecer apoio xurídico e asesoramento na resolución de conflitos ou problemáticas que se poidan presentar a persoas en situación de vulnerabilidade.
Tras unha valoración inicial por parte dos servizos sociais de cada concello a persoa é derivada ao servizo, a través dun protocolo xa establecido. A atención, sempre é no propio concello de cada persoa usuaria do servizo.
As actuacións non se limitan a un simple asesoramento e orientación xurídica, senón que tamén se realiza a tramitación de procedementos, a elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades, mediación, apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais, etc.
A atención e a frecuencia de asistencia a cada concello organízase en función da demanda e da poboación que hai en cada unha deles, así vai dende os cinco días de atención mensuais nos concellos de máis poboación (Culleredo, Cambre e Oleiros) aos tres días ao mes nos máis pequenos (Abegondo, Carral e Bergondo), pasando polos catro días de atención nos dun tamaño intermedio (Betanzos e Sada). A media é de cinco usuarias/os ao día.
O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, explicou que se trata dun servizo “moi valorado por todos os concellos, dada a súa alta especialización” e púxoo como exemplo de “colaboración entre institucións”.
“É un servizo innovador e compartido que ofrece a un amplo colectivo de persoas en situación de vulnerabilidade unha asistencia xurídica á que non poderían acceder doutro xeito”, sostivo Santiso Miramontes.
A calidade da atención, a súa organización e a nova metodoloxía de intervención fai que este servizo sexa unha referencia no ámbito dos servizos sociais.