Friday 22 de November de 2024

O castelo de Moeche estrea nova etapa con medio cento de visitas na súa primeira fin de semana e varias novidades previstas para o verán


A Deputación financia con preto de 11.600 euros a contratación dunha técnica de Turismo para a atención a visitantes

O castelo de Moeche está aberto desde o pasado 20 de xuño. Porén, o maior número de visitas produciuse na pasada fin de semana, cando a fortaleza rexistrou 52 entradas que tiveron que adaptarse ás condicións preventivas da nova normalidade. E é que o castelo e mailo Centro de Interpretación da Revolución Irmandiña deben seguir os mesmos protocolos que calquera outro espazo expositivo: uso de máscara, xel hidroalcólico nas instalacións e aforo limitado a 25 persoas en visitas guiadas. Polo demais, todo segue igual… Ben, igual, igual non, xa que desde hai uns días o castelo dispón de perfil en Instagram e agárdase que proximamente poida acoller unha exposición temporal dos obxectos atopados nas escavacións arqueolóxicas efectuadas durante a súa rehabilitación. Ademais, o centro de interpretación recibiu unha subvención cercana aos 11.600 euros procedentes da Deputación da Coruña para a contratación dunha técnica que empezará a traballar este mesmo sábado. Os horarios de verán -desde o 1 de xullo até o 15 de outubro- serán de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30h. de luns a venres. Os sábados e domingos abrirá de 11 a 14.00h. e de 16.30 a 20.00h.

Das visitas guiadas encargarase a especialista contratada a través das listas de emprego convocadas en 2017, mentres que o técnico de Turismo -que xa comezou a traballar hai uns días tamén cunha subvención provincial de 10.000 euros- facilitará información de reforzo no recinto, ao tempo que deseñará estratexias e rutas turísticas na oficina aberta na Casa do Concello.

O principal cambio que notaremos no castelo refírese ás medidas de prevención dos contaxios. É obrigatorio o uso de máscara hixiénica ou cirúrxica para todas as persoas maiores de 6 anos e sempre se deberá manter unha distancia de polo menos 1,5 metros con respecto a outras visitantes. No lugar colocouse abundante cartelaría informativa recordando as precaucións individuais e tamén se instalaron dispensadores de xel hidroalcólico.

En cada momento só poderá haber un máximo de 25 persoas nas distintas estancias da fortaleza, xa sexa con visitas por libre ou en grupo. De feito, ese é o tope marcado pola normativa autonómica para os percorridos con guía en museos e espazos expositivos. A resolución da Xunta do pasado 13 de xuño indica que se podería chegar ao 75% do aforo de cada dependencia, pero o Concello decidiu asimilar visitas libres e guiadas para poder xestionar mellor a afluencia de público.

Por outra banda, nas instalacións non se poderán recoller folletos informativos, senón que haberá etiquetas QR para acceder a eles desde o móbil nunha versión dixital. Son publicacións sobre o propio castelo e sobre rutas e recursos turísticos que hai no municipio. Neste sentido o Concello ten previsto colocar dentro da fortaleza novos paneis que permitan comprender mellor como era a construción primitiva e, ademais, o castelo tamén dispón desde hai uns días de perfil en Instagram, a través do que se lle quere dar maior proxección nas redes sociais.

Exposición arqueolóxica
Para poder ver a grande novidade deste verán no castelo aínda haberá que agardar unhas semanas. E é que o Goberno local está xestionando co Servizo de Museos da Xunta de Galicia a cesión dos restos arqueolóxicos descubertos durante a rehabilitación acometida nos anos 90. Trátase de cerámica, moedas e outros vestixios gardados no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña -no castelo de San Antón- e que volverían para Moeche en forma de exposición temporal.

Proximamente a alcaldesa e o persoal técnico acudirán ao museo para detallar que material se mostrará e que medidas de seguridade se deberán adoptar para a súa protección. A intención municipal é poder exhibir eses fondos o antes posible, previsiblemente desde finais de xullo.

Alén das visitas polo recinto, o castelo tamén acollerá este verán unha versión reducida do programa estival Castelo de Sons, que programou un concerto infantil de Pakolas para o 18 de xullo e un para persoas adultas o 8 de agosto a cargo de Paloma Suanzes. O inmoble tamén está incluído como parada obrigatoria nas rutas xeolóxicas do toelo que se desenvolverán o domingo 12 de xullo a partir das 10 da mañá, o domingo 2 de agosto á mesma hora e o sábado 15 de agosto a partir das 16.30h.