Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destina 250.000 euros a axudas para a realización de actividades extraescolares por partes das anpas galegas


As actividades estarán dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha resolución pola que se convocan para o 2015, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para as asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias.

Estas actividades deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, durante o curso escolar 2014-2015.

Esta liña de axudas achegará 250.000 euros, cofinanciados con fondos do Fondo Social Europeo. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de nais e pais de alumnos/as dos centros educativos sostidos con fondos públicos que, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os programas de actividades extraescolares que se poderán subvencionar deberán cumprir os seguintes requisitos: contribuír ao desenvolvemento integral do alumnado, reforzando os valores igualitarios, libres de prexuízos e de estereotipos sexistas así como a concienciación contra a violencia de xénero; levarse a cabo – na medida do posible- nas dependencias do centro e fóra do horario lectivo, de luns a venres ao longo do curso escolar, e en horario continuado.

Unha das singularidade da convocatoria para este curso escolar é que se priman aqueles programas que contemplen de xeito específico a realización de actividades ou accións de sensibilización dirixidas a promover a Igualdade e a prevención da violencia de xénero. A contía das axudas poderá acadar ata un máximo de 6.000 € por entidade

Así mesmo, as actividades que formen parte dos programa deberán centrarse en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos e/ou deportivos; e cada actividade se dirixirá obrigatoriamente a un mínimo de 10 alumnas/os, agás naqueles casos debidamente xustificados, nos que polas características do contexto ou do centro docente, sexa imposible acadar o mínimo establecido.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes comeza o 14 de xaneiro e finaliza o 20 de febreiro de 2015.