Vilacoba organizada por Galicia Senderismo
Unha quincena de persoas participou onte domingo nunha ruta de sendeirismo polo Río Vilacoba organizada por Galicia Senderismo. Un traxecto circular de 21 quilómetros, de dificultade media e que se desenvolveu baixo as medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias fronte á Covid-19.
Sindo Gandarela, presidente de Galicia Senderismo, sinalou que “foi un camiño espectacular en frondosidade e cor verde. Temos que darlle as grazas ao Concello de Lousame por ter tan ben marcada e limpa a ruta”. A expedición saíu ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame, a onde volveron pasadas as seis da tarde tras visitar lugares como Brandia,
Soutorredondo, o monte Colou, mosteiro e fervenzas de Toxosoutos, o Pozo do Capitán e as papeleiras de Maceiriñas e Fontán.
Balcón do Iroite: 5 de xullo
Tras o éxito desta iniciativa, Galicia Sendeirismo organiza unha nova ruta para o vindeiro domingo 5 de xullo: o balcón do Iroite. Un roteiro circular de 17 quilómetros, de dificultade media, no que os sendeiristas desfrutarán de fermosas vistas da ría de Muros e Noia grazas a uns miradoiros con vistas a 6 quilómetros do mar.
Poderán participar ata 30 persoas, de entre 14 e 70 anos, que deberán acudir co seu propio equipo de protección persoal (máscara, xel hidroalcohólico, etc). O prezo é de 13 euros por persoa e inclúe seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes e guía titulado.
Inscricións en www.galiciasenderismo.com , rutasgaliciasenderismo@gmail.com ou no teléfono 609 531 105 (Sindo).