Friday 22 de November de 2024

Manuel Ayaso recibe unha emotiva homenaxe no Lustres Rivas con motivo da apertura da súa exposición “Reflexos na Costa da Morte”


Composta por 70 gravados, a mostra pode verse ata o 29 de agosto

Un total de 70 gravados a punta seca creados por Manuel Ayaso e imprimidos por Rosana Calvo e Costa Beiro no taller do Museo do Gravado de Artes comprenden a nova exposición que, ata o 29 de agosto, pode ser visitada no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. O seu título, “Reflexos da Costa da Morte”. Este mediodía tivo lugar un acto de apertura que, pese as limitacións de aforo, non por elo estivo exento de emoción, ata o punto de que o evento mudou nunha calorosísima homenaxe ao pintor nado en Aguiño en 1934.
“Fixemos aínda por el todo o que merece?”, foi a pregunta que se fixo Manuel Cartea ao principio da súa intervención antes de percorrer a biografía de Ayaso dende a súa nenez na localidade aguiñense —na
que unha enfermidade lle provocou altas febres e alucinacións—, a súa emigración aos Estados Unidos con trece anos, a súa formación en Belas Artes no país norteamericano e a súa traxectoria como creador, na que a morte do seu pai marcou un antes e despois en canto o seu estilo posto que foi entón cando o autor “perdeu o medo a morte” e as súas obras comezaron a rexistrar unha explosión de cor.
O propio Ayaso precisou que a enfermidade que tanto influíu en que se decantara pola carreira artística foi unha pleura mal curada que deviu en tuberculose e recordou algunhas das súas vivencias, como cando en 1956 trabou relación con Salvador Dalí, quen lle aconsellou: “Manuel, tú eres gallego y tienes que representar en Galicia”.
En canto ao alcalde Manuel Ruiz, que pechou o acto (fora aberto pola concelleira de Cultura María Sampedro), coas súas palabras quixo recoller o guante lanzado por Manuel Cartea coa súa pregunta e anunciou que consultará cos grupos da Corporación realizar algo que faga perdurable no tempo o nome e a obra de Manuel Ayaso. “Igual que os grandes artistas teñen o seu padroado ou a súa fundación, creo que tiñamos que ir traballando todos pola Fundación Manuel Ayaso”, declarou.

O dúo saxofonístico formado por María Núñez e José Fungueiriño, do Conservatorio Enrique Paisal de Ribeira, puxo a nota musical ao acontecemento tanto ao principio como ao final do mesmo. “Reflexos da Costa da Morte” pode ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. O máximo de aforo permitido serán 50 persoas. A mascarilla será obrigatoria.