Saturday 16 de November de 2024

O concello aproba a instrución para regular a instalación de terrazas en prazas de aparcamento


As terrazas poderanse instalar entre o 1 de xullo e o 15 de setembro
A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade aprobou hoxe unha nova instrución para regular a instalación de terrazas durante a situación de emerxencia sanitaria, que entrará en vigor a partir do 1 de xullo e que se estenderá ata o 15 de setembro, se as autoridades sanitarias non realizan ningunha modificación.
Esta nova instrución, que inclúe entre outras cuestións a instalación de terrazas en prazas de aparcamento, responde á resolución adoptada polo Executivo galego para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.
O Goberno local cre necesario manter medidas extraordinarias para a instalación de terrazas, mentres se manteña a declaración de situación de emerxencia sanitaria, estendéndoas a algunha zona non prevista na resolución anterior, así como ás rúas en que non é posible instalar terrazas e as rúas declaradas peonís.
Normas:
1o. O número de mesas permitidas limítase ao oitenta por cento do número total de mesas que figure na solicitude de autorización.
2o. Unicamente nos espazos públicos que constan no Anexo, autorizarase o incremento da superficie destinada a terraza. Neste caso poderanse ampliar o número de mesas previsto no apartado anterior, respectando, en todo caso, a proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e levando a cabo un aumento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública en que se sitúe a terraza, sen que en ningún caso se supere o número de mesas que constan na solicitude de licenza.
Para poder acollerse a este apartado 2, a terraza deberá instalarse nunha localización que
cumpra os seguintes requisitos:
– Beirarrúas cun mínimo de 5 metros de ancho, incluídas na listaxe que figura no Anexo.
– Rúas peonís incluídas na listaxe que figura no Anexo.
– Prazas incluídas na listaxe que figura no Anexo.
3o Poderán instalarse terrazas en prazas de aparcamento sempre que se dean as seguintes condicións:
1. A rúa non poderá ter máis dun carril por sentido de circulación e a beirarrúa onde está situado o local deberá de ser inferior a 2,5 metros de ancho, xa que en caso contrario debería solicitarse autorización de instalación de terraza na beirarrúa.
2. O espazo para ocupar nas prazas de aparcamento coincidirá coa fronte do local e non poderá sobresaír da liña das prazas de aparcamento marcada en cada rúa.
3. Será necesaria a instalación dunha tarima con proteccións laterais e na fronte da calzada.
A altura mínima da tarima será de 15 centímetros ao lado da calzada e deberá de quedar ao nivel na zona do bordo da beirarrúa. Só se permitirá, ademais da tarima, a instalación de mesas e cadeiras cos seus correspondentes parasois.
4. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
a) Declaración responsable segundo modelo municipal
b) Plano de situación e esbozo do que se pretende instalar

c) Memoria explicativa coa superficie, número de mesas e cadeiras, material da tarima e proteccións, así como os parasois que no seu caso se pretendan instalar.
d) Póliza e pago do seguro de responsabilidade civil en que se inclúa a terraza que se pretende instalar.
5. As terrazas situadas nas prazas de aparcamento poderanse instalar entre o 1 de xullo e o 15 de setembro.
4o Tamén poderán instalarse terrazas en prazas de aparcamento nas rúas declaradas peonís entre o 1 de xullo e o 15 de setembro, coas seguintes condicións:
1. O espazo para ocupar nas prazas de aparcamento coincidirá coa fronte do local e non poderá sobresaír da liña das prazas de aparcamento marcada en cada rúa.
2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
a) Declaración responsable segundo modelo municipal
b) Plano de situación e esbozo do que se pretende instalar
c) Memoria explicativa coa superficie, número de mesas e cadeiras, así como as antucas que no seu caso se pretendan instalar.
d) Póliza e pago do seguro de responsabilidade civil en que se inclúa a terraza que se pretende instalar.
5o. En todo caso deberá asegurarse que se mantén a debida distancia física de polo menos dous metros entre as mesas ou, no seu caso, agrupacións de mesas.
6o. Deberán de cumprirse as medidas de hixiene e prevención que esixan as autoridades sanitarias.