Carral, como municipio que forma parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, participará nunha andaina por un treito da ruta xacobea. A actividade terá lugar en todos os concellos da entidade o vindeiro sábado, 4 de xullo ás 10.00 horas.
En Carral, o treito que farán as persoas participantes dun xeito seguro será desde a área de descanso de peregrinos da Lameira, en Tabeaio, ata o cruzamento en Cañás do Camiño Inglés coa estrada CP-1704 a Cambre. Este percorrido, dun pouco máis de 3 km, realizarase nun tempo aproximado de 1 hora.
Para participar na andaina, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do xoves, 2 de xullo, na Casa da Cultura, preferentemente chamando ao teléfono 981 67 25 80. As prazas son limitadas. As persoas participantes deberán facelo atendendo ás medidas de seguridade, levando máscara e chaleco reflector.
Esta iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés desenvólvese coa intención de promover a ruta xacobea e a reactivación segura do Camiño Inglés.