Friday 22 de November de 2024

Os Museos Municipais de Camariñas abrirán ao público o 1 de xullo seguindo o protocolo de Sanidade


O mesmo día tamén terá lugar a apertura da nova aula ‘Raquel Moreira Carril’ no Museo do Encaixe.
O Concello abrirá ao público os Museos Municipais de Camariñas o próximo mércores, 1 de xullo, seguindo estritamente o protocolo marcado polas autoridades sanitarias e informando deste aos usuarios e usuarias tanto no
Museo Man de Camelle como no Museo do Encaixe de Camariñas. O horario ata finais do mes de setembro será de martes a domingo, de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Estableceranse medidas preventivas para o público como o uso obrigatorio de máscaras, a instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico nas zonas de acceso, elementos de protección no despacho de billetes e aplicacións online para consultar o plano do museo e os contidos do percorrido, evitando así os folletos.
Ademais, haberá un aforo máximo que se controlará nos accesos, só poderán realizar a visita conxuntamente os núcleos de persoas convivintes, haberá que gardar a distancia de 1,5 metros entre visitantes e estes terán que evitar tocar superficies no interior. As visitas guiadas deberán solicitarase no correo electrónico museos@camarinas.net ou no teléfono 981 710 224.
Aula ‘Raquel Moreira Carril’
O mesmo día da volta a actividade dos museos tamén se producirá a apertura da nova aula ‘Raquel Moreira Carril’ no museo do Encaixe, que pechara as súas portas a finais do ano 2019 para facer unha serie de reformas entre as que se incluía a adecuación do espazo da sala expositiva da planta baixa para transformala nun aula de palillo.
O mércores 1 de xullo ás 11 horas abrirá por primeira vez a aula bautizada co nome de Raquel Moreira Carril, que foi técnica do museo e profesora da escola municipal de palillo e que faleceu hai dous anos. O acto será só aberto para a familia e compañeiros e compañeiras do Concello de Camariñas.

“Decidiuse darlle á aula o nome de Raquel porque era unha persoa coñecida e querida por todo o pobo, que amaba o encaixe e que se esforzaba por transmitir o que significa esta tradición tanto aos máis pequenos como a todo aquel que visitaba o museo. Era unha verdadeira embaixadora de Camariñas e merece ser recordada e homenaxeada”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.