DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Hai xa 30 anos, a Organización Mundial da Saúde suprimiu finalmente a homosexualidade da súa listaxe de enfermidades mentais, feito co que se pretendía acabar con case un século de homofobia médica e discriminación contra as persoas LGBT.
Porén, a pesar das innegábeis mellorías desde entón, a realidade internacional para o colectivo LGTB non mudou substancialmente ao redor do mundo e as persoas LGBT seguen a padecer discriminación pola súa orientación sexual e/ou identidade de xénero tamén na Galiza.
Neste momento, cómpre poñer de relevo as consecuencias negativas do illamento derivado da situación de confinamento que vimos de vivir por mor da pandemia mundial da COVID-19. Para moitas persoas LGBTIQ+ esta situación limitou o acceso ás redes habituais de apoio, incrementou o risco de verse expostas a situacións de rexeitamento ou mesmo de violencia física ou verbal, ao estaren confinadas en contornas que nos as aceptan.
A situación de confinamento, polo seu compoñente e illamento social, e polas limitacións para acceder a servizos e recursos de apoio, leva aparellado un incremento do risco de aparición ou agravamento de problemas de saúde mental, que no caso do colectivo LGTBIQ+, vese aínda aumentado por estar exposto a situacións de discriminación, rexeitamento e/ou violencia.
É preciso que sigamos a visibilizar os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGBT e pórmos ao seu dispor todas as ferramentas precisas para axudalas a superaren, na medida do posíbel, as consecuencias da LGBTfobia. Resulta, pois, máis urxente que nunca reivindicar o Día Internacional do Orgullo LGTB que se celebra cada 28 de xuño, a necesidade da visibilidade das persoas LGBT como parte integral da nosa sociedade e para demandarmos unha maior atención sobre a necesidade de traballar contra a discriminación.
A homofobia e a transfobia son dúas formas de discriminación que non deben ter cabida nos nosos pobos e cidades, nin en ningún ámbito da nosa sociedade, por atentaren contra a convivencia, o respecto para a diferenza e a diversidade, piares básicos que deben sustentar calquera sociedade democrática e plural.
Cómpre, neste sentido, que a institución municipal desenvolva un labor específico e planifique accións e actividades en colaboración co propio colectivo LGBT, non só con motivo do Día do Orgullo mais ao longo de todo o ano.
A Corporación Municipal de San Sadurniño recoñece explícita e publicamente que os dereitos das persoas LGTB son dereitos humanos e que a diversidade sexual debe contemplarse como un dereito básico en calquera ámbito da vida.