Co fin de garantir a distancia de seguridade, o Concello realizará o mercado nas rúas Víctor Velasco –ata a rotonda- e Belvís –ata o cruzamento coa rúa Méndez Búa-. Ademais, aumentarase a rúa Campo da Feira
O Concello de Carral celebrará este domingo, 28 de xuño, a súa tradicional feira municipal, que contará con máis de medio centenar de postos. Como novidade con respecto ás últimas citas, o mercado do último domingo do mes ampliará a súa oferta. Desta forma, ademais de stands agropecuarios, venderanse tamén artigos téxtiles.
Co fin de cumprir coas distancias entre postos e entre persoas traballadoras, clientes e viandantes, o mercado realizarase nos seguintes puntos: rúas Víctor Velasco –ata a rotonda- e Belvís –ata o cruzamento coa rúa Méndez Búa-. Ademais, aumentarase a rúa Campo da Feira. Por tanto, ese día, quedará restrinxido o estacionamento nestas zonas, reservadas para a disposición dos postos.
Para que a cita se desenvolva coas máximas garantías de seguridade, o Concello adoptará as seguintes medidas: colocación de cartelería das medidas hixiénico-sanitarias no acceso á feira, limitación da zona de feira con barreiras e dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada, fixación de distancia entre postos de, polo menos, 1,5 metros, etc. Os veciños e veciñas que asistan ao mercado deberán levar máscara.
En canto aos artigos téxtiles, os vendedores e vendedoras poderán expoñer unha mostra de pezas representativas da colección, mentres que o resto do xénero estará empaquetado e gardado por tallas. No caso de que as pezas se presenten nunha mesma superficie en tumulto, os compradores e compradoras deberán usar luvas dun só uso.