Friday 22 de November de 2024

A Coruña loce desde hoxe as cores do Orgullo baixo o lema “Deixémonos querer”


A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación presentará a próxima semana un programa de actividades con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTB que se conmemora o domingo en que as mulleres trans terán un papel protagonista
Baixo o lema “Deixémonos querer” arrinca hoxe a conmemoración do Día Internacional do Orgullo organizada polo concello coa colaboración das entidades LGTBIQ+ que quixeron participar. Desde esta tarde e ata o domingo a praza de María Pita lucirá as cores do movemento LGTBIQ+ que se verán reflectidas nuns círculos proxectados no chan, mentres que a fonte de Catro Camiños tamén se iluminará coas cores da súa bandeira que ondea xa na fachada da Domus. A efeméride completarase cun programa de actividades que terán lugar en distintos espazos da cidade.
A pesar de ser un Orgullo atípico pola pandemia, que fixo que as entidades decidisen cancelar a manifestación para evitar actividades que supoñan concentración de público, o concello non quere deixar de conmemorar un día que nos lembra a necesidade de seguir loitando polos dereitos das persoas LGTBIQ+ e o importante que é non dar pasos atrás nas reivindicacións do colectivo. Desde o concello séguese a traballar para conseguir unha sociedade máis igualitaria en que o colectivo LGTB teña os mesmos dereitos reais e as mesmas oportunidades.
Para iso, a Concellería de Benestar Socia, Igualdade e Participación presentará a próxima semana un programa de actividades coas que se conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBI 2020, e que contou coa colaboración de todas as entidades da cidade que quixeron participar. O persoal responsable da concellería explicou que se trata dun programa menos ambicioso ao ter que adaptarse á nova normalidade, pero que contará cunha ampla oferta cultural.
Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, este ano as mulleres trans terán un papel fundamental no programa de actos, porque é a estas mulleres ás que a Federación Estatal de entidades LGTB lles dedica este Orgullo baixo o lema de “Sororidade e feminismo”.

Para a concelleira, dentro deste colectivo, as mulleres trans sufriron unha dobre discriminación de xeito histórico por ser mulleres e por ser transexuais e “é a nosa obriga facelas visibles e devolverlles a dignidade que ata o de agora se lles negou”.
Por iso, a concelleira de Igualdade, Yoya Neira, quere aproveitar esta conmemoración para apoiar a tramitación da Lei trans e pedir que a Xunta actualice a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.