Monday 25 de November de 2024

O Concello celebra este domingo o Día do Orgullo LGTBI coas actividades de Compostela Diversa


Xa está todo listo para a celebración este domingo, 28 de xuño, das actividades de Compostela Diversa, coas que a Concellaría de Igualdade vai celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTBI. Pola mañá lerase o manifesta con motivo desta data e pola tarde, a partir das 19:00 horas, celebrarase un evento no Teatro Principal que poderá seguirse ao vivo a través de streaming.

A Concellaría de Igualdade convida á cidadanía a participar nestes actos, comezando pola lectura do manifesto LGTBI. Será as 11:00 horas deste domingo no palco da música da Alameda, que durante esta semana está rodeado pola bandeira LGTBI.

Pola tarde e adaptado á situación xerada pola Covid-19, o Teatro Principal acollerá un evento a porta pechada a partir das 19:00 horas, que incluirá un debate, a presentación dunha peza audiovisual e varias propostas artísticas. Estas actividades poderán seguirse a través por streaming a través do espazo do Concello de Santiago en YouTube.

O acto será conducido por Patricia Vázquez, popular actriz de teatro, cine e TV que conta con máis de dúas décadas de experiencia no mundo do teatro profesional, tendo representado con compañías dramáticas como o Centro Dramático Galego, Escola Dramática Galega, Ollomol Tranvía ou Teatro da Lúa. Nos útlimos anos traballou con P.T. Excéntricas, Contraproducións ou Redrum Teatro. Na TVG participou en programas concurso, magazines e, sobre todo, é coñecida como actriz en series de ficción (Air Galicia, Era visto, Padre Casares…).

Peza audiosvisual
O acto comezará coa proxección de Compostela Diversa 2020, unha peza audiovisual dun minuto e medio, aproximadamente, que amosará o compromiso de Santiago coa realidade LGTBI. Aludirase a tres datas significativas: 1970, 50º aniversario da primeira celebración da Marcha do Orgullo Homosexual en Nova York; 1990, 30º aniversario CGC – Colectivo Gay Compostela, primeira organización do colectivo LGTBI en Galicia; e 2005, 15º aniversario da Lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España.

Estes tres fitos son o punto de partida e, través dunha serie de persoas e de imaxes de diferentes espazos representativos da nosa cidade, presentarase Compostela coma un referente na realidade LGTBI. Trátase de acoller, compartir, acompañar e defender o colectivo na vida cotiá e nas reivindicacións, dende un punto de vista amable, optimista e, por suposto, reivindicativo.

Faladoiro
A continuación celebrarase un faladoiro co obxectivo de abrir un espazo de diálogo e encontro, aberto e non excluínte, para abordar a realidade entre todos e todas. O debate será moderado por Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC e recoñecida activista LGTBI.

Baixo o título “Presente e futuro da realidade Trans”, no faladoiro participarán Patrick Aleix Dopico, presidente de Amizando, unha organización LGTBI galega, orientada sobre todo á comunidade Trans; Isabel Noya, secretaria de Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans); e Hélio Marcial Miramontes, de Avante LGBT+, unha organización LGBT+ feminista, anticapitalista e galega, que dentro da súa estrutura conta cunha Asamblea Trans.

Intervención músical e escénica
Rematado o debate, comezará no Teatro Principal unha intervención musical e escénica a cargo de Guillerme Fernández, Guadi Galego, Faia Díaz e Ricardo de Barreiro.

Guillerme Fernández. Músico e compositor, actualmente é integrante do grupo De Vacas e forma parte da banda de directo de Guadi Galego. Foi membro fundador do grupo Berrogüetto, e parte doutros proxectos paralelos: “Músicas de salitre” e “Arrolos de salitre” con Xabier Díaz, “Espido” con Guadi Galego ou o traballo grupal “aCadaCanto” con Guadi Galego, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero.

Co artista multidisciplinar Ricardo de Barreiro presenta en 2013 o espectáculo escénico Sobre o desamor e outras mariconadas.

Traballou coa compañía de teatro Contraproducións na composición da banda sonora de catro espectáculos teatrais e crea música para diversas campañas de publicidade de coñecidas marcas comerciais

Guadi Galego comezou moi nova a súa formación musical. Dende o ano 1997 foi gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto, co que gravou tres discos ata xaneiro de 2008 (Viaxe por Urticaria, Hepta e 10.0). Tamén formou parte do dúo Espido e de Nordestin@s.

A súa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou en 2009. Este disco foi moi aclamado pola crítica galega e a española, recibindo o Premio Opinión ao mellor disco folk do ano e a candidatura á mellor canción en galego nos Premios da Música polo tema “Madama”, no que colaboraban Pedro Pascual e Rosa Bugallo.

Faia Díaz é unha das integrantes do grupo De Vacas que vén de presentar o seu primeiro traballo en solitario no ano 2019, Ao cabo leirín, no que une canto tradicional e espazos sonoros atemporais co trasfondo da tradición musical galega con voz das mulleres. Experimentación, tradición e modernidade.

Ricardo de Barreiro é actor, pintor, poeta e creador. Traballou en filmes como Lobos sucios, O descoñecido, Celda 211, 18 comidas, Encallados, Os xirasois cegos, Vilamor, Somos xente honrada, Pradolongo ou After; e en series como Matalobos, Luci, Lo que escondían sus ojos, Fariña ou O sabor das margaridas.

As súas obras pictóricas son expostas por toda Galicia. Ten dous libros publicados: Sobre o desamor e outras mariconadas e A+A, un audiolibro do que leva vendidos máis de 700 exemplares e que vai na súa segunda edición.
É creador, xunto o seu amigo músico Guillerme Fernández, de propostas escénicas feitas dende o pequeno e o íntimo