Salienta que Galicia conta con outros sectores, ademais do gandeiro, que están a demostrar que vivir do rural é rendible: como o vitivinícola, coa súa capacidade para ser cada día máis internacional; a conserva e o forestal
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe a seguir apostando pola transformación en produtos de alto valor engadido como a mellor garantía de futuro para o lácteo galego.
Durante unha visita á factoría de InLeit Ingredientes SLU en Curtis, que xerou 130 postos de traballo no interior de Galicia, Feijóo referiuse a esta planta como un exemplo da aposta polo rural mozo e innovador, capaz de xerar emprego e riqueza. “Estamos a falar dunha empresa certifica que hai capital e proxectos que se fixan en Galicia grazas á súa capacidade de producir materia prima, de altísima calidade”, abundou, recordando que Galicia conta con outros sectores, ademais do gandeiro, que están a demostrar que vivir do rural é rendible: como o sector vitivinícola, coa súa capacidade para ser cada día máis internacional; a conserva e o forestal.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego destacou o traballo dos gandeiros galegos, cuxo esforzo e experiencia fan que a Comunidade siga a ser líder nacional: tanto en número de gandeiros, con máis da metade das explotacións do total nacional, como en produción, co 40% do leite de España. Ademais de estar entre as 10 primeiras rexións en produción de leite de Europa.
Nesta liña, destacou tamén que a aposta do sector pola calidade fai posible que Galicia conte cunha marca de referencia, Galega 100%, a única identificación que avala o leite galego de calidade diferenciada.
“En definitiva, este é o rural que queremos, de xente moza que saiba que a materia prima de calidade hai que transformala e comercializala desde Galicia”, aseverou, incidindo na necesidade de seguir apostando por unha estratexia de dinamización, pola promoción da calidade do produto, pola formación para mellorar a xestión empresarial e polos produtos de valor engadido, entre outros aspectos.
Pola súa banda, o presidente de InLeit, Alfonso Escobar, insistiu en que, cun investimento de 120 millóns de euros, o máis importante deste proxecto é a calidade do leite galego, ademais da aposta da compañía pola tecnoloxía e a innovación.