Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Moeche solicítalle a Educación o desdobramento da aula de infantil no CEIP San Ramón


O Pleno ordinario do pasado martes someteu a votación unha proposta da Alcaldía para solicitarlle á Consellería de Educación o desdobramento da aula infantil do CEIP San Ramón no curso 2020/2021. Esta aula acollerá no vindeiro curso 19 nenos e nenas de diferentes idades, 3,4 e 5 anos o que fai necesario o seu desdobramento en dúas aulas cos respectivos docentes. A proposta acadou a aprobación da maioría da Corporación.

A proposta de solicitude de desdobramento da aula de educación infantil para o curso 2020-2021 debateuse en sesión plenaria ordinaria e saiu adiante cos votos favorables do grupo municipal do BNG e a abstención do grupo municipal do PP. Desde a Consellería de Educación, mediante conversa telefónica , trasladáronlle ao Concello que contemplarán acceder o desdobramento da aula de infantil para o curso 2020-2021, de xeito que o CEIP San Ramón contará no novo curso con dúas aulas de infantil .

O CEIP San Ramón, único centro de ensino do noso concello, sufriu – como moitos centros dos concellos rurais – durante moitos anos un descenso na súa matrícula. Sen embargo desde hai un tempo o número de nenos e nenas que se matriculan na escola de Moeche vai medrando paseniñamente ou, cando menos, non diminúe. Así acontece coa matrícula do vindeiro curso que rexistra nove nenas e nenos, o que afecta directamente á aula de educación infantil. O número de alumnos e alumnas de educación infantil, de 3, 4 e 5 anos, será de 19.

Desde o Concello interprétase este dato “positivamente e de forma esperanzadora”, tal e como indicou Beatriz Bascoy. “O futuro do rural está fondamente ligado as condicións de vida dos seus menores e aos servizos esenciais que se lles presten” engadiu a rexedora. O desdobramento da aula de infantil de varias idades en dúas aulas – con menores de 3,4 e 5 anos- cos seus respectivos docentes “sempre é aconsellable pero máis nun contexto delicado como o que estamos a vivir a causa das consecuencias da crise sanitaria do COVID e da “nova normalidade”. A proposta debatida en Pleno partiu da necesidade de reducir os grupos en aulas nas que conflúen diferentes idades, xa que iso contribúe a un ensino de calidade e neste contexto , a un ensino seguro”.

Unha vez que se acadou o apoio do Concello Pleno, daráselle traslado do acordo á Xefatura Territorial da Consellería de Educación na Coruña, ao Servizo de Inspección Educativa correspondente, ao CEIP San Ramón e a ANPA do CEIP San Ramón