Friday 22 de November de 2024

O Concello de Miño comeza as  tarefas de pintado da nova distribución do aparcamento da praia Grande


Esta mañá, os operarios comezaron as tarefas, e prevese que actúen tanto hoxe, martes, como o venres.
O Concello de Miño comeza as tarefas de pintado da nova distribución do aparcamento da praia grande. Esta mañá, os operarios valaron a zona, e posteriormente comezaron coas tarefas de borrado e pintado das novas prazas de aparcamento. Este espazo estará delimitado, aínda que se poderá facer uso do mesmo de maneira gradual a medida que avancen os traballos.
Cabe destacar que o goberno local xa anunciara hai unhas semanas esta nova disposición dos aparcamentos, ata o de agora en batería, e ao que teremos que afacer a vista, posto que esta nova forma de estacionamento será en liña, un coche tras outro.
Con isto, e con motivo do contexto socio sanitario que estamos a vivir, conseguirase un maior control de acceso a este areal, o máis grande de todos os que se atopan no termo municipal. O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, afirma que ‘se facilitará o tránsito dos usuarios a través dous carreiros para evitar que haxa cruces entre viandantes’, comentou o rexedor.